Martes, Outubro 3, 2023
ActualidadeXornada

BILLARDA NA VINDEIRA FIN DE SEMANA, 17 e 18 de xullo. MARÍN O SÁBADO 17 DE XULLO E NARÓN O DOMINGO 18 XULLO

Aínda temos nas retinas ou no nervio óptico ou no cerebelo, ou onde queira que sexa, algunhas imaxes espectaculares da xornada da Liga Atlántica de billarda, Conferencia Noroeste, celebrada o domingo pasado na Cidade Deportiva da Torre, pero para quen non tivera a fortuna de presenciar esa espléndida maridaxe entre paláns e billardas, pois ben, aquí quedan as letras escritas por xornais en papel e dixitais. Informaron sobre a billarda da Torre O Diario da Laracha, Bisbarra en xogo, ademais do facebook do concello da Coruña, Coruña deportes. Tamén, están correndo como coiote detrás do coello, comentarios sobre a billarda en páxinas Facebook da Coruña cousa que semella fantástica e sensacional. Por favor, compartide nas vosas redes sociais para chegar a todos os recunchos da sociedade dixitalizada e para chegar ás persoas analóxicas, pois, sempre nos quedarán as tascas, furanchos, bares, salas de baile, ximnasios, salas de masaxe e balnearios, para falar da billarda. En papel, La Voz e El Ideal Gallego publicaron información.

Hoxe pola mañá no Concello de Narón fíxose a presentación da xornada 12 da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste. Estiveron presentes de parte da Conferencia Noroeste, Lois Fontán, vicepresidente da Federación DEPAU, Modalidade Billarda, Alejandro Castro vicepresidente do CD Filloas de Sangue, David Corral, tamén de Filloas e Bieito Rodríguez do Club de Billarda APB A Laracha. Por parte do Concello de Narón estivo presente José Oreona, concelleiro de Deportes. Padroado de deportes na súa páxina web publica a presentación desta mañá.

Por vez primeira o concello da Comarca de Ferrol presenciará o voo das billardas desde a beira do río Xuvia. Despois de varios meses de traballo sen tregua nin descanso, o equipo negociador, coordinado polo Napoleón da Billarda, David Corral, soubo manter as condicións climáticas máis beneficiosas para que o céspede do paseo marítimo de Narón estea resplandecente. Fontán e Landras foron os encargados de escoller as mellores sementes, ao tempo que da Terra de Trasancos chegaron carros de fertilizantes orgánicos que potenciaron o crecemento da herba. En fin, o terreo está louzán e vizoso como para que as billardas non poidan queixarse cando golpeen o verde chan.

E nas Rías Baixas será en Marín, onde se dispute a 9 xornada e penúltima da temporada. Os paláns e os cadrís están preparados para sufrir na sempre difícil superficie de San Xulián, onde hai que pinchar as billardas con calma, precisión e moito sangue frío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *