Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeFotos e VídeosXornada

11 xornada Noroeste. A Coruña. Aroa gana en Infantil, Merche en Feminina, Campo da Feira en equipos e Xan Rodiño en Individual Absoluta

A Cidade Deportiva Arsenio Iglesias da Torre na Coruña foi escenario da xornada 11 da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste. O céspede artificial foi un atractivo máis que soubo comportarse de xeito modélico. Non houbo ningún buraco, ningún pedregullo nin ningún terrón que dificultara o pinchado da billarda nin o seu avance sobre a superficie de xogo. Ademais, a loxística de marcado de campos estivo dirixida por David Corral, coordinada por Landras, baixo a atenta mirada de Miranda, os sabios consellos de Gándara e Lois Fontán e a inestimable contribución de Insua e Jose Morís. Despois, contaron coa colaboración dun asesor externo ao club, Collazo (de aceiro ten o brazo) que sabe moito e ben de estirar cordas e cordeis e recoller cordas e cordeis. O Club Deportivo Filloas de Sangue, decano do Noroeste, ademais de meter puntos nas clasificacións xerais, soubo manter un nivel de excelencia organizativa que só se poderá superar na seguinte xornada do 18 de xullo en Narón, para a cal levan traballando varios meses.

A MESA…

Cochiqueiros presentou un equipo nunca visto, tanto polo número de xogadoras e xogadores como pola fichaxe de Michel Guy, un talentoso palanador francés. Outro dato importante foi que desta vez non foi Campo da Feira o equipo que presentou maior número de deportistas. Non, nin foi o segundo, xa que, APB presentou 15 e COQ 13, FEI 12, 7 FIL, 6 BMU, 2 CHA e 1 LÚA. A participación total foi de 56 deportistas e de 7 equipos. Salientar tamén que a participación feminina está aumentando e foi a máis alta da temporada. Estará preto esa nova categoría de equipos femininos? Polo de agora, temos a creación doutro Club deportivo, o Club de Billarda APB A Laracha, quen aproveitou a xornada para asinar toda a documentación oficial.

Tempo magnífico e temperatura agradable ata que chegaron os cruces eliminatorios, momento no cal a temperatura sempre sube máis da conta para certas persoas e se arrefría para outras.  En fin, ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza, segundo foi Manu Pozo de Billardeiros Musicais e terceiro Collazo de Campo da Feira. En categoría feminina foi primeira Merche de APB, segunda Aroa de Billardeiros Musicais e terceira Irene de Cochiqueiros. En Infantil ganou Aroa de Billardeiros Musicais, segundo foi Óscar García e terceiro Dani, os dous de Cochiqueiros. En categoría de Equipos foi primeiro Campo da Feira, segundo Billardeiros Musicais e terceiro APB.

A participación de Billardeiros Musicais e de Chaínzos-Cadaval trouxo a grandes palanadores e palanadoras. Así, Manu Pozo a piques estivo de ganar a xornada. Ademais, a grande actuación de Basilio (20ptos) e  os puntos de Paco (13ptos) e o incombustible Franco (15ptos) fixeron que o equipo de Ribadeo quedara a 1 pto do intratable Campo da Feira. E que dicir de Aroa?, pois que a xogadora en idade infantil subiu tamén ao podio da categoría Feminina. Esta rapaza é un exemplo do que a billarda pode significar para moitas outras nenas e nenos galegos, un deporte gozoso e de convivencia entre xeracións. Ela viaxa co seu avó, Félix, e xuntos percorren o norte de Galicia e comparten momentos da infancia e adolescencia dela e momentos de moitos sentimentos agradables para el. En fin, está demostrado cientificamente que a billarda consolida e fortalece os afectos e vencellos familiares. Bonxe de Chaínzos-Cadaval obtivo unha das puntuacións máis elevadas da xornada con 19 ptos e xa se converteu nun palanador fiable e moi competitivo. Non vos perdades o vídeo espectacular do seu dobre golpe para entrar no varal desde unha distancia importante.

Xornada espectacular polo escenario e pola contorna paisaxística. Aquí quedan algunhas fotos sensacionais, extraordinarias, impresionantes, fabulosas e prodixiosas de deportistas da billarda. Tamén, publicamos dous vídeos sublimes, con golpes que só saen unha vez na vida, ou dúas, como moito tres veces, e que tivemos a fortuna de que as nosas cámaras estiveran xusto alí, cando sucederon estes feitos irrepetibles, polo momento. Ademais, temos o audiovisual cos seus sons orixinais, eses berros de incredulidade e de pavor, xunto coas expresións de sorpresa ante acontecementos tan raros como recibidos con alegría e gozo polos executores, Landras e o seu golpe de revés e Bonxe e o seu dobre golpeo. (Grazas a Cotelo e Delia pola súa gravación).

A participación feminina cada vez é maior e consolídase. Foron 12 participantes desta vez e aquí vos quedan imaxes magníficas desta presenza.

Vaia, e despois tamén está o Raposo da Laracha quen quixo emular o xiro arrepiante e asombroso do Tornado, pero non lle saíu ben de todo. Apoiado no palán quixo xirar sobre o seu propio eixe para coller impulso e golpear posteriormente a billarda con máis forza, non puido ser e deu co seu bandullo e osos no chan. Non sufriu feridas por alcance nin por contusión. Iso si, recibiu as ondas de vibración telúrica na súa caída contra o chan, polo tanto, non se descartan danos psicolóxicos e trastornos de personalidade. De todos os xeitos, para que a familia de Cotelo quede tranquila, o raposo non vai regresar ao seu domicilio ata que se restableza completamente. Sabemos que está pasando estas horas posteriores baixo vixilancia facultativa nas instalacións do Centro de Tecnificación Deportiva de APB.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *