ABERTO DA TORRE. 11 XORNADA LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA, NOROESTE.
Xa está lanzado ao mundo da comunicación de masas o cartel hercúleo da vindeira xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste, que se disputará na Cidade Deportiva da Torre na Coruña. Vai ser un evento deportivo de dimensións comparables ás da Torre de Hércules. A luz que está iluminando toda a loxística organizativa provén do Club Deportivo Filloas de Sangue. Tamén, contarase coa colaboración do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña. Día grande para a billarda. Ninguén quere perderse esta propicia ocasión para rebentar o faro da Torre dun berdillazo. Queda algo lonxe, mais as deusas que habitan esta zona da Torre están desexando facer algunha trasnada.
Despois da fin de semana de billarda os xornais deportivos dixitais e en papel da Comarca de Bergantiños e arredores publicaron novas da xornada de Paiosaco. Os medios de comunicación informan sobre billarda dándolle a importancia que este deporte marabilloso ten, tanto polo arraigo social e cultural, como polo seu atractivo competitivo e deportivo. Ben, esta situación actual non é casual e debemos valorala e preservala. Moitas persoas colaboraron e participaron neste longo camiño desde aquel outono de 2003, cando unha ducia de persoas decidiron xuntarse na pista de Anguieira, San Cosme de Barreiros, para xogar billarda. Si, aquela semente floreceu e na actualidade a billarda é deporte, ten Liga Federada e os medios de comunicación deportiva escritos, dixitais e as televisións, informan da billarda e, sobre todo, hai un interese social por este fenómeno sen precedentes. Un xogo tradicional da Idade Media, recoñecido como deporte no século XXI e que non para aquí, senón que quere ser olímpico.
El Ideal Gallego, redacción de Carballo, DxT e La Voz de Galicia informaron nas súas edicións en papel.
Ademais, nos xornais dixitais e webs de información deportiva soan as billardas. Así, da xornada de Paiosaco podedes encontrar información en La Voz de Galicia, Que pasa na costa, Bisbarra en xogo, El diario de Laracha.
Agora, nós debemos axudar á que esta difusión chegue a aquelas persoas que usan máis as redes sociais. Por favor, compartide nas vosas redes sociais estas e outras noticias da billarda, pois para ser olímpica no 2036 faltan 15 anos, e eses 15 anos van voar á velocidade dunha billarda ben golpeada.