Xoves, Novembro 7, 2024
UncategorizedXornada

LÚA DE FORZA continúa alumeando nas Rías Baixas. Daniel, o único Rinoceronte carnívoro, gana en Salcedo. Lita a do Grove paseouse sobre a terra de Salcedo. Raio Verde coa súa vitoria afianza o liderado infantil.

En Salcedo, parroquia de Pontevedra, presentáronse a competir 62 participantes, dos cales 26 foron mulleres, un 42 % de participación feminina, algo fantástico. Novas palanadoras en idade infantil, ata un total de 3 e 1 novo palanador infantil. Novos adultos que xogaron por vez primeira e non derradeira. Santi, Blesi, Jesica e Luecha prometeron volver, pois o lume da billarda prendeu nos seus retículos endoplasmáticos. A tarde estivo cuberta con nubes altas e que favoreceron un clima ideal para a billarda, nin frío, nin calor, nin vento, nin movemento sísmico algún.

As actas reflicten unha xornada marcada por un campo de dimensións olímpicas sempre complicado para facer moitos ptos. Suliñar o Piruchazo no cruce eliminatorio para conseguir o único varado feito durante a tarde, ou mellor dito, o único varado conseguido en carreira, pois nun golpe de desempate o Ciclón de Moscoso deixou a Fari coa boca aberta e coas pernas tremendo de pánico, pois Che fixo un varadazo dos seus, pena que os varados nos golpes de desempate non se sumen á clasificación.

A xornada ganouna o Rino Pontevedra Daniel, que non quere deixar de loitar polo título de Conferencia. Segundo foi o Lúa de Forza Sanxenxo Chicho e terceiro Piru de Gharaboto Marín. En categoría feminina ganou a resucitada Lita de Laxe de Rons O Grove, segunda foi María Caride de Gharaboto Marín e terceira Chefa de Corredoiras Bueu. En Infantil, o Raio verde Xián dominou, seguido de Antía de Gharaboto e de Lucía de Valpaços Terra Quente Vigo. En equipos, unha xornada máis, e xa van 4 consecutivas, ganou Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Gharaboto Marín e terceiro Rinoceronte Pontevedra.

No aspecto competitivo foi unha xornada para clarificar cousas. Primeira, que o título de equipos está na man da Lúa, aínda que na billarda poden suceder acontecementos inesperados e imprevistos, pensamos que desta vez, e por vez primeira, Lúa de Forza vaise facer con Título de Conferencia. Corredoiras Bueu bastante fai con aguantar a segunda praza presentando só 5 xogadores nas últimas xornadas. O equipo de Bueu debe pensar en defender esa praza de podio se quere acudir á Fase Final do 1 de agosto, posto que Gharaboto Marín xa está a 4 ptos e Rinoceronte Pontevedra, aínda que está lonxe, a 46 ptos, está reforzando o equipo para dar unha cornada definitiva nestas dúas xornadas que faltan. Terían que reducir 23 ptos por xornada, misión dificilisima, mais reto atractivo e desafiante para os xogadores do corno. Os Daniel e Che son ptos para o equipo e moitos ptos, o Gonzalo mellorou o seu golpe de xeito incrible, o Látego de Sar José Manuel, o Cris e agora o Santi, forman un sexteto de garantías. Gharaboto Marín semella que xa cheira a Fase Final e queren chegar no mellor momento da temporada. Piru recuperou o bo momento e continúa coa súa progresión meteórica e xa se situou oitavo na xeral e primeiro clasificado do equipo. Álvaro continúa moi regular e Luís Camiña obtivo a súa puntuación máis elevada de toda a temporada e a máis elevada da xornada de Salcedo. Luís Gon superou o mal comezo de temporada, nas 4 primeiras xornadas unha media de 8 ptos e nas 4 últimas 17 ptos de media. Desde que cambiou a unha dieta vegana e lle puxo as cintas adhesivas vermellas e amarelas ás billardas e ao palán non falla golpe. Gelín sería o quinto home do equipo e Elena González a sexta, pensando nesa Fase Final de Sanxenxo. Equipazo ! Valpaços segue consolidando un equipo para o futuro e incorporou a Blasi para equilibrar un equipo eminentemente feminino e moi novo. Albino Veiga e Tania son @s xogador@s mellor clasificad@s na xeral e están dentro das prazas que dan dereito a participar na Fase Final.  Laxe de Rons tivo unha moi boa actuación, fundamentada neses 19 ptos de Lita, cifra máis elevada desta atlética palanadora do Grove. Gerardo e Martín mantéñense dentro das prazas de finalista.

Abaixo vemos os últimos postos de finalistas que están aínda no aire. Faltan 2 xornadas e calquera ausencia ou xornada negativa pode supoñer un estar dentro ou fóra desa Fase Final.

GERARDOLAX9012 61612171314
LUÍS CAMIÑAGHA89 615141311822
TANIAVAL80 101914191611
CAROLOLÚA77211161682112
JUANCHILÚA761514    2720
GELÍNGHA74412114412117
XIÁN INFLÚA74 65512131518
GONZALORIN7461173 171020
JOSÉ MANUELRIN73511817151610
OUTEIROCOR6612 57 17916
ELENAGHA6514 9571965
RICARDO LOISLAX62 14118315 11
CHOARM60 17211210   
ADRIANAVAL60241 11011121

Agora, restan 2 xornadas. A primeria será o 17 de xullo en Marín e a última o 31 xullo en Bueu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *