A Billarda é un deporte que fortalece o corpo e desequilibra o raciocinio
Xa temos preparados os equipos para afrontar as xornadas do super-sábado 3 de xullo. Haberá xornada no Noroeste e nas Rías Baixas.
A prensa dixital e en papel informou sobre as xornadas da pasada fin de semana en Sanxenxo e As Somozas. No facebook de bisbarra en xogo…
No Diario da Laracha na súa versión dixital.
E por se isto fose pouco, que non o será, temos o audiovisual conmovedor sobre a Billarda e a súas exixencias físicas e matemáticas. Imaxes e locución da delegación de BI.GAL na comarca de Bergantiños. Dous minutos e medio de imaxes asombrosas que terán consecuencias irreparables no nervio óptico e provocarán todo tipo de taquicardias. Atentas e atentos á irrupción por vez primeira ante as cámaras do Tornado da Laracha, o xogador coa maior aceleración da liga neses primeiros metros cando a billarda caprichosa sae en dirección contraria á intención da xogadora ou do xogador. Foi medida esta velocidade na xornada das Somozas e o taquímetro marcou 144 quilómetros por hora.
Pois ben, a pesar destas exixencias deportivas e biomecánicas sabemos que o corpo humano é moi agradecido a un bo traslado sobre a superficie dun campo de billarda. A xogar como se non houbese máis xornadas!
Faltan 3 xornadas para rematar a Conferencia Rías Baixas e 4 para a Conferencia Noroeste. Despois, o 1 de agosto disputarase a Fase Final da Liga Atlántica de Billarda 2021 no CABI de Nantes, Sanxenxo.