Xoves, Outubro 3, 2024
Xornada

CAMPO DA FEIRA continúa esfarelando marcas. Abel Ponte gana sen discusión. Lu primeira en categoría feminina e Cotelo inaugura unha nova época para o arbitraxe da billarda.

Por vez primeira organizouse unha xornada de Liga de Billarda nas Somozas. Todo estivo preparado e cronometrado e psicoanalizado para que o grande evento deportivo non deixase a ninguén indiferente. A mastodóntica loxística organizativa da Federación Galega DEPAU Modalidade Billarda triunfou de novo. Precisión, eficacia e eficiencia son os substantivos que dirixen os pasos deste xeito de facer o noso deporte nacional. Toda acción estivo suxeita aos parámetros de optimización de recursos enerxéticos e diuréticos, e contemplando sempre a xeración de residuos sempre biodegradables, ademais de respectar o Protocolo FISICOVID-19.

Con estas premisas, principios e criterios ben aplicados nada podía saír mal, e nada saíu mal, incluso houbo algún palanador que deu metido, en catro golpes, a billarda entre o varal algunha que outra vez. Outros, a maioría contentouse con usar o palán a xeito de arado de pau para facerse un oco entre a herba e o pedregullo do terreo de xogo. Por fin, un campo de billarda como os de antes, como os de toda a vida, cando a vida era rural. O Comité Técnico da Billarda xa valorou cun índice de dificultade 8,5 ao Campo dos Acivros das Somozas.

En canto á competición podemos confirmar que Abel Ponte de Campo da Feira Paiosaco ganou a xornada, por diante de Juancar, do mesmo equipo, e de Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. En feminino foi primeira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Delia de Chaínzos-Cadaval Castro de Rei e terceiro Sonia de Cochiqueiros Cerceda. En infantil, ganou Abel Ponte, segunda Paula de Billardeiros Musicais Ribadeo e terceiro Sergio do mesmo equipo. Por equipos, Campo da Feira ganou seguido de APB e Lúa de Forza.

A característica da xornada foi a dificultade do terreo sumada a unhas condicións de vento racheado irrespectuoso coas billardas que chimpaban do chan, cousa que provocou unhas puntuacións baixas. Só dous xogadores chegaron aos 20 ptos e outros dous quedaron cerca con 18 ptos. De 49 participantes, 13 obtiveron puntuacións de dous díxitos e o resto (36) non acadaron os 10 ptos. De todos os xeitos, o máis destacado foi a presenza de novo de dous equipos do Norleste, Billardeiros Musicais e Chaínzos-Cadaval. Notóuselles a inactividade, mais o talento mantéñeno intacto. Así, Kiko e Bonxe de CHA e Paco de BMU pasaron de grupo. Estes dous últimos avanzaron ata semifinais.

En categoría feminina continúa aumentando a participación e desta volta participaron 10 xogadoras. Unha final feminina de auténtico vertixe cun golpe de desempate sempre adrenalínico e non apto para maiores de 90 anos.

Outra nova crucial para a Billarda Federada foi a experiencia piloto que se levou a cabo con Cotelo. No eido da arbitraxe hai unha debilidade que se pretende solucionar. O Xuíz de campo non ten ferramentas disuasorias suficientes ante as protestas daqueles xogadores máis vehementes e impulsivos. Pois ben, o raposo prateado da Laracha Cotelo prestouse a probar os novos complementos de arbitraxe. Ademais, tivo que usalos con algún xogador. Nas imaxes de abaixo podedes apreciar que a ferramenta ben utilizada dá resultados positivos para a saúde de xuíces e xuízas de campo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *