Domingo, Setembro 8, 2024
Xornada

GOT TALENT 7 e RISTO acaban berrando CHARRI, CHARRI, CHARRI. PREVIA DA XORNADA DE LAXE

A previa da xornada da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda ven marcada a lume na pel do planeta billarda pola presenza en Madrid dunha representación do deporte nacional galego que se xoga con dous paus. Si, a billarda tivo 5 minutos de gloria no Novo Teatro Alcalá, durante a gravación da actuación da parella Billarda.gal para o programa GOT TALENT 7. Quen, como, cando e por que desta acción billardeira? A orixe deste tsunami deportivo hai que buscala na Idade Media ou máis aló, quen sabe. Non obstante, para non ser demasiada explicación diremos que todo se iniciou con Landras. O Anacoreta de Seixas, As Somozas, ten un instagram moi activo. Entre os moitos vídeos que sube, hai vídeos del xogando billarda. Pois ben, desde a produtora Fremantle contactaron con el para informarse de que era iso da billarda. Despois dun mes de contactos para ver se alguén da billarda quería acudir ao casting de GOT TALENT 7 a proposta concretouse e dous foron os elixidos. Había que encontrar un perfil de candidatos con impermeabilidade á crítica descarnada que poderían recibir e con habilidades sociais suficientes para responder ás exixencias dos focos e cámaras de gravación. Efectivamente, encontrouse unha parella inigualable, con don de xentes e cun acervo dialéctico e retranqueiro bastante sólido para soportar o éxito sen perder os valores galegos de humildade, laboriosidade e naturalidade.

Ben, Charri e Xan completaron a viaxe a Madrid en 6 horas, horas cheas de conversa, chistes, reflexións filosóficas e silencios nada perigosos. Xa en Madrid, a conquista foi relativamente doada. Non encontraron resistencia, se acaso referir que o momento máis delicado e que case lles custa a eliminación foi á hora de dar os datos persoais. Non había maneira de que escribiran ben ese nome cunha fonética tan allea á meseta castelá. Xan e Sanxenxo non facilitan a boa pronunciación nin comprensión, polo tanto, houbo que botar man do humor galego para facerse entender. A partir de aí, todo foi apracible e mesmo se fixeron curtas esas 12 horas dentro do Teatro. Sesións de gravacións intensas e tomas estragadas pola actuación demasiado impulsiva do mexicano de Bueu. Tomas falsas terán para facer un programa monográfico. Sesións de fotos e entrevistas entre bambolinas. E nos momentos de descanso da gravación interacción cos demais participantes no programa e buscando posibles lugares para organizar a Liga de Billarda na Diáspora Galega. Abaixo algunhas imaxes de Billarda.gal (nome do grupo participante) en Madrid.

A espectacularidade da actuación desta parella de palanadores foi incrementada pola vestimenta e o material usado durante a actuación: un estoxo porta paláns e billardas e unha patela, todo este material elaborado por dous artesáns galegos, o cesteiro Chicho e o multiartesánanacoreta Landras. Grazas compañeiros por dignificar uns oficios hoxe en día minoritarios e noutra época esenciais.

As rúas de Madrid tamén se encheron de tradición galega, ademais do escenario do Novo Teatro Alcalá. E como se os deuses e deusas do olimpo galaico quixesen acompañar á billarda ata Madrid, a coroza foi usada como se facía de antigo, para resgardarse da choiva. Vaia tormenta descargou sobre Madrid á saída da actuación. A coroza e a patela foron postas a proba, e mostraron a súa fortaleza aguantando os mares que caían desde os ceos.

Seguiremos informando, todo o que poidamos, pois ata que se emita o programa GOT TALENT 7 non poderemos saber o desenlace dos nosos compañeiros. Non sabemos se superaron a proba bebendo o bálsamo do éxito ou foron eliminados con crueldade e escarnio.

O que si podemos adiantar é que o público rematou a actuación de Billarda.gal repetindo a coro CHARRI, CHARRI, CHARRI !

Aínda, conmocionados por esta nova de alcance nacional e internacional, a LAB continúa a súa marcha cara ao final de liga. Na Conferencia Noroeste celébrase a 8ª xornada o vindeiro domingo en Laxe.

Os ecos da xornada pasada de Culleredo están resoando nos xornais da provincia. A repercusión nos medios de comunicación está sendo unha oportunidade para que a billarda volva ocupar un lugar na axenda deportiva galega e nós debemos facilitar este labor, compartindo calquera noticia de billarda. O mundo actual móvese cos músculos das redes sociais, os mesmos músculos que están movendo a billarda, e non pararemos ata metela no varal.

Varios medios dixitais informaron sobre a Federación Galega DEPAU BILLARDA, máis en concreto da xornada 7 da Liga Atlántica de Billarda disputada en Culleredo o domingo pasado. O diario da Laracha informa da xornada pasada en Culleredo. A páxina web do concello de Culleredo tamén informa da xornada e outros xornais en papel fan o mesmo DxT.

La Voz de Galicia Carballo xa informa da vindeira xornada do domingo 20 de xuño en Laxe.

BILLARDA SEMPRE !

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *