3 Conferencias un único corazón, A BILLARDA. Culleredo engrandece o deporte galego de tradición.
O cadro paisaxístico e humano que se viviu no paseo de Culleredo foi dos que deixan pegada na memoria colectiva. 53 participantes e centos de espectadores estiveron presentes o domingo 13 xuño e xa non se esquecerán dese momento. O paseo da Ría do Burgo ten unhas zonas verdes magníficas para a práctica da billarda, tanto polas dimensións como pola superficie. Unha vez cortada a herba, dúas veces cortada a herba, os servizos do concello deixaron o terreo como a pel dunha vaca cachena.
Despois veu o ritual da loxística organizativa LAB NOR, marcado de campos, colocación de vallas e sorteo de grupos. A mesa de organización fervía no intento de poñer en marcha o complexo sistema de xogar 4 grupos en 3 campos, utilizando un sistema de rotacións que había que axustar ao milímetro para coordinar a arbitraxe de persoas daquel grupo que non lle correspondía xogar en cada quenda. Magnífica execución do obxectivo NOR: COMER ANTES DAS 15 H. DUN DOMINGO DE BILLARDA.
A vitoria foi para o verde luar de Xan, segundo foi Félix e terceiro Charli. En mulleres ganou Aroa, seguida de Auri e Mercedes. En infantil, ganou Abel Ponte, seguido do talento tranquilo de Aroa e terceiro foi Óscar García. En equipos, ganou o case-invencible Campo da Feira, seguido de Billardeiros Musicais e de APB.
Os resultados teñen o seu interese, evidentemente, mais hai ocasións, e esta foi unha delas, na que outro acontecemento brilla tanto que hai que sinalalo, destacalo e informalo. A presenza de representantes de Billardeiros Musicais de Ribadeo e de Troitas Bravas da Pontenova foi motivo de ledicia e de reencontro. Moitas veces pensamos que a diversión e a alegría nos pertence, certo, nós alegrámonos e nós divertímonos, mais, debemos ter presente que é a compañía dos demais a que nos fai poñernos contentas, contentos, e despois ven a diversión e o intercambio de pareceres e pensamentos. En fin, grazas compañeiros por compartir eses momentos que pasan demasiado rápido, pero que atravesan a pel e quédanse a vivir para sempre na memoria.
O Concello de Culleredo informou deste evento deportivo no seu Facebook. A repercusión do movemento billardeiro cara a ser o deporte tradicional máis practicado no pais está seguindo o seu camiño natural que é o de mostrarse nos medios e redes sociais. Agora, dentro da Federación Galega DEPAU, a billarda é deporte ademais de xogo. O esforzo de tantas persoas ten un camiño feito e outro por facer. Fortalecer a competición en todas as provincias galegas e achegarse á mocidade.