CHARLI encontrou a fraga no mar de Cabanas. APB empeza a amortizar a fichaxe de Lito Pena e vence unha xornada. Mercedes dominou con autoridade en Féminas.
Cabanas, a fraga feita mar, un campo preparado a conciencia para a práctica da billarda. Preto da praia e dun paseo marítimo, unha zona ideal para recreación do corpo e do espírito. 10 h. e o aparato loxístico da Billarda estaba en funcionamento. Terreo en perfectas condicións para xogadores de forte brazo e impactos potentes. Terreo dificultoso para estilistas e malabaristas da billarda. Sistema de competición adaptado a 3 campos e con 4 grupos, con rotacións dos grupos polos 3 campos e arbitrando sempre persoas do grupo que descansaba en cada quenda. Mediante un sistema innovador de intelixencia artificial, o mestre da estatística e combinación aleatoria Berdinstein, resolveu as incógnitas e dúbidas que sobrevoaban esta arriscada estratexia para ganarlle unha batalla ao tempo.
Despois de superar unha situación crítica nas vésperas da xornada, ante a posibilidade dun motín dentro da nave NOR, o Comité Técnico respirou satisfeito e aliviado cando comprobou que os cálculos do Berdinstein de Cerceda resultaran exactos. Ás 14 horas estaba rematado o evento. Igual tamén tivo algo que ver que o número de participantes fora 40. En fin, o día da besta, o 6 do 6 deste ano pandémico de 2021, non tivo grupo 6 e a profecía non se cumpriu, Lucifer deberá esperar outra xornada máis.
Charli Varela foi o gran vencedor, segundo foi Berdi e terceiro Juancar. En féminas, Mercedes ganou por diante de Silvia e Iria. En infantil, foi primeiro Abel Ponte, segundo Xan Glez e Ramón Glez. En equipos APB levouse o primeiro posto empatado a ptos con FEI ao ter a segunda mellor puntuación dos dous equipos, pois a mellor puntuación dos dous equipos estaba empatada tamén. Destes podios hai que suliñar dous feitos históricos por pouco usuais. A vitoria de Charli xa entra na normalidade, pois o xogador de FEI está segundo na Clasificación Xeral e esta temporada aspira seriamente ao título. En féminas podemos cualificar de sorpresa agradable a vitoria de Mercedes, a xogadora máis veterana da conferencia. Cremos que debe andar polos noventa e tantos anos, aínda que aparenta moitos menos. Preguntada sobre como fixo para obter a vitoria, a de Paiosaco dixo con naturalidade, “foi un milagre“, cousa que nos fai pensar en que algo hai, chámalle universo, chámalle enerxía, chámalle Santa Marta ou o elixido de Ambroa. E que dicir da maiúscula estrañeza na categoría equipos. Había que mergullarse nos arquivos históricos para encontrar a última xornada na que FEI non se fixera coa vitoria. Ou podiamos preguntarlle a APB, que foi o último equipo que privou a FEI de subir ao máis alto do podio nunha xornada. Pois ben, decidímonos por esta última posibilidade. Segundo nos confirman en APB foi no pavillón de Caión o 24 de novembro de 2019, durante a 6ª xornada desa temporada. Moito tiveron que esperar para volver celebrar unha hemorraxia de alegría na Laracha. A verdade é que podemos botar man de moitas variables para xustificar a derrota de FEI, e unha delas e non a menor foi a selección musical feita por A.P. Podemos afirmar que o tipo de música elixido non foi o axeitado? Acaso a megafonía que estreaba o NOR non tiña ben acoplados os sons graves e os agudos? Calquera resposta a estas interrogantes non pode ocultar a vitoria contundente e merecida da hemorraxia que menos doe cantos máis golpes se lle dá.
ACTAS
Ben, unha vez valorada a xornada nos seus aspectos loxístico, organizativo e competitivo, debemos entrar no asunto máis polémico e sempre delicado de destapar as cloacas da Conferencia Noroeste. Pensamos que este documento audiovisual do noso confidente Tachenko pode sementar luz onde non a hai, regar a horta que ten falta de auga e abonar a leira con abundancia. Primeiro o que vai antes… aquí tendes o documento estarrecedor, angustioso por momentos e sempre, sempre, lonxe da ficción e preto da realidade empírica dos feitos.
Só podemos volver ás clasificacións actuais e deixar que a dixestión destas revelacións de Tachenko se faga con pausa.
EQUIPOS | TOTAL | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | ||
CAMPO DA FEIRA | PAIOSACO | FEI | 440 | 88 | 74 | 79 | 64 | 83 | 52 |
APB | A LARACHA | APB | 357 | 68 | 67 | 60 | 55 | 55 | 52 |
FILLOAS DE SANGUE | A CORUÑA | FIL | 328 | 76 | 60 | 54 | 46 | 54 | 38 |
COCHIQUEIROS | CERCEDA | COK | 298 | 51 | 35 | 51 | 48 | 63 | 50 |
LÚA DE FORZA | SANXENXO | LÚA | 224 | 39 | 70 | 47 | 46 | 22 |