Sábado, Decembro 9, 2023
Xornada

BENI o home tranquilo ganou en San Xulián de Marín. Lúa de Forza afianza o liderado cunha Marisa que brillou como un luar

A xornada do sábado 5 de xuño en San Xulián tivo varias circunstancias que non se poden ocultar máis tempo. Primeiro, o equipo de Corredoiras, unha vez máis mostrando a súa soberbia e prepotencia presentou unicamente 3 xogadores, pois como dixo Charri, o mexicano, “con 2 xogadores chegábanos para ganar, pero ao final viñen eu tamén para acompañalos coa miña música de mariachi“. Como ben sabedes son 4 xogadores por equipo os que puntúan para a clasificación xeral, pois ben, COR sumou só as puntuacións destes 3 xogadores, Beni, Chefa e Charri, cando os demais equipos sumaron as 4 mellores puntuacións. Aínda así, o equipo de Bueu defendeuse moi ben e quedou segundo na xornada, soamente foi superado pola LÚA DE FORZA. A soberbia actuación de Beni, quen ganou a xornada e fixo unha puntuación fabulosa (29 ptos), dadas as condicións sempre complicadas do campo de San Xulián, fixo que COR cedera unicamente 5 ptos con relación ao líder LÚA. Segundo foi Ricoy e terceiro Chicho, os dous de Lúa de Forza.

Na categoría feminina foi Marisa quen se levou a vitoria ademais de estar por vez primeira nunha final da xornada. Segunda foi Elena Sabarís e terceira Mónica Padín. Si, foron moitos os astros que se aliñaron e moitas as estrelas e planetas que coincidiron para que a do Grove fora pasando eliminatorias ata chegar á final, mais así é a billarda, non hai golpe fácil, nin carreira ganada ata que a billarda sobrepasa o varal. E despois están as enerxías telúricas e os meigallos que tamén exercen maxisterio nos momentos decisivos de dar un golpe a poucos centímetros do varal. Na categoría Infantil dominou o Raio Verde, Xián, seguido dos celestes armadiños, Naia e de Alexis.

Gharaboto quedou terceiro na xornada, segundo foi Corredoiras e primeiro Lúa de Forza. Realmente, a vitoria de LÚA non foi tan eufórica, xa que esperaban sacar maior tallada despois de ver a aliñación que presentou COR. Non obstante, a enorme actuación do home tranquilo de Resille impediu que o equipo verde se distanciara moito nese primeiro posto que xa mantén desde hai 3 xornadas. Gharaboto continúa sen obter unha actuación extraordinaria das súas e, a pesar de todo, mantense preto dos dous equipos que o superan na xeral. Nesta xornada, foron os máis brillantes do equipo Gon, Piru e L. Camiña. Rinoceronte continúa soportando nos ombros dos seus dous xogadores franquía ese cuarto posto da xeral. Ademais, o látego de Sar, José Manuel, continúa achegando ptos para o equipo. Así, Daniel o líder na categoría individual absoluta segue mostrando unha regularidade que non acadou outras temporadas. Agora é un firme candidato a conseguir o título de Conferencia, cousa que repercute positivamente no equipo. Por outra beira, o Ciclón de Moscoso, ten no seu brazo ese furacán irresistible e cando o saca non hai distancia olímpica que se lle resista nin varado imposible. O seu sinal de identidade é ese golpe destrutor da barreira do son, ademais do corno rinoceróntico. Valpaços Terra Quente segue na quinta posición. O equipo de Vigo está sustentado na regularidade de Taxeiro, que vai amarrado puntiño tras puntiño e en Albino Veiga, fichaxe estrela e un supervivente que sabe manexarse en situacións extremas. Amais, nesta xornada, Santiago estivo sensacional (16 ptos) e Adriana semella que xa comeza a recuperar a forma. Armadiña ten un equipo moi novo e as súas crianzas están mostrando unha melloría prodixiosa. Tanto Naia como Alexis experimentaron unha evolución no seu xogo que os leva a subir aos podios da categoría infantil dun xeito habitual. Sendo conscientes das súas idades, non chegaron aínda aos 10 anos, podemos considerar que se manteñen a constancia van ser duros rivais para o Raio Verde. Nesta xornada debutou André, un produto máis da conserveira de Armadiña. Iso si, a falta de Peque e a ausencia continuada de Vixo están lastrando a remontada do equipo. Pensamos que Cho, Manu, Diego e Elena Sabarís forman un cuarteto que asegura ptos para o equipo, mais o potente golpeo de Peque e o coñecemento do arte da esgrima de Vixo que tan ben aplica ao golpeo de billarda poderían axudarlle a dar un salto na clasificación. Laxe de Rons ten un sexteto de xogadores antagónicos, ou sexa, cando un deles está moi ben na xornada os outros semella que fan o contrario, e cando outro diferente está ben noutra xornada os demais lévanlle a contraria. Daquela, poucas veces coinciden boas actuacións de catro dos seus integrantes. A clasificación indica que son Martín e Gerardo os máis regulares. Ricardo Lois, o xogador máis condecorado do equipo está atravesando un deserto de malas puntuacións nas últimas dúas xornadas, igual que lle sucede a Chichí. Serán as altas temperaturas, será falta de preparación física, será unha dieta de mariscos demasiado abundante ?

ACTAS

1º BENI 2º RICOY 3º CHICHO
1ª MARISA 2ª ELENA SABARÍS 3ª MÓNICA
1º RAIO VERDE XIÁN 2º NAIA 3º ALEXIS

A xeral de equipos queda deste xeito tan emocionante nas tres primeiras posicións

 EQUIPOS Total12345
1LÚA DE FORZASANXENXO3297966487066
2CORREDOIRASBUEU3208361348161
3GHARABOTOMARÍN2945842676859
4RINOCERONTEPONTEVEDRA2724058665652
5VALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO2325145424747
6ARMADIÑAPOIO194 36585347
7LAXE DE RONSO GROVE1691521435337
8CAMPO DA FEIRAPAIOSACO116591641 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *