Mércores, Decembro 11, 2024
Xornada

Un cochiqueiro esnaquiza a Profecía da Silva dun viqueirazo. Non foi Añón o Elixido. Abel Ponte sitúase como novo líder. Sonia lidera as Féminas.

A Silva, Cerceda, domingo 30 de maio de 2021, 5ª xornada da LAB Conferencia Noroeste, 11 h. o sol quentaba o cemento do Campo da Feira das Nenas e facía del un Meirama autóctono. A Profecía da Silva, que case todos e todas interpretaban dun xeito unívoco deu un xiro acrobático inesperado e sorprendente, como billarda caprichosa. En fin, o Elixido polas deusas da madeira e os paláns resultou ser Miguel Antonio Viqueira Prego e non Añón Ambroa. Vaia, desde que Nostradamus escribiu as súas profecias a dificultade para interpretar este tipo de anticipacións dos acontecementos futuros orixina inexactitudes e ambigüidades diversas.

Pois si, Viqueira foi obsequiado pola xenerosidade das fadas e pasou como terceiro de grupo despois dun desempate contra Óscar Ponte. Non obstante, nos cruces eliminatorios empezou a desenvolver os seus característicos viqueirazos e ninguén o puido parar, nin sequera un dos prodixios da canteira deportiva de FEI, o roqueiro de Paiosaco, Abel Ponte. Os equipos presentaron este número de xogador@s: FEI 13, COQ 12, APB 12, FIL 6, LÚA 3, LAX 1.

ABEL PONTE de FEI acada o liderado Individual Absoluto. Por vez primeira un xogador en idade infantil é líder absoluto, fantástica nova para a Billarda. A mensaxe é mirar para as categorías inferiores e non embarcarse en fichaxes millonarias como as que acometeu APB coa fichaxe de Añón e Lito.

Viqueira foi primeiro, segundo Abel Ponte e terceiro Gándara, en féminas ganou Marisa, segunda foi Sonia e terceira Silvia, en infantil foi primeiro Abel, segundo Óscar García e terceiro Dani. En equipos, FEI ganou por diante de COQ e APB.

Viqueira de COQ ganou a xornada e ademais reivindicou, no seu largo discurso durante a entrega de premios, unha vez máis o horario de tarde para a Conferencia Noroeste. Será desta cando o Comité Técnico de Billarda da Federación DEPAU escoite esta xusta e lóxica demanda d@s cochiqueir@s?

ACTAS

Tánator
O PALANAZO TIBIANO MÁIS DESEXADO DA HISTORIA FICOU EN FUME DE BORRALLA
Palanadores dos máis recónditos lugares do país achegáronse este pasado domingo ao Campo da Feira das Nenas como se dunha peregrinación a unha romaría se tratar, co obxectivo de recibir un golpazo nunha tibia e saber así se son os elixidos, unha vez observadas as imaxes emitidas desde o máis alá polos deuses do Olimpo estornelán. Afamados (que non esfameados) persoeiros do mundo pandolán como o gran Berdillo quixeron sumarse á procesión de recibir o ansiado golpe sacro a pesar de tratarse dun individuo que leva xa gastadas 27 próteses do mango rotador hiporradial terrícuo do seu ombreiro dereito, debido ao extremo castigo ao que somete o mesmo no golpeo contra a billarda máis sufrida do planeta. Ataviado cunha sospeitosa camisola vermella, a mesma cor que locen os acérrimos seguidores da Conferencia Episcopal: a APB, foi asediado polos restantes membros do equipo satánico e forzado a dar explicacións por este feito que sumado á concesión feita ao equipo vermello pola exixencia de abriren os bares para poderen tomar café, levantou non poucas sospeitas sobre a súa relación coa APB, de quen son ben coñecidas as súas sucias artimañas para se facer cos servizos de xogadores rivais.
Como anécdota negativa os comentarios de varios Filloas que vendo como os ptos do estrancabillardas de Cerceda subían sen parar na clasificación afirmaron: “Os deuses non o golpearon, mais como sega sumando ptos igual si que leva uns paus”. Comentarios indecorosos que ben poderán ser tidos en conta polo comité antiviolencia, sempre que se identifique aos autores, así como, as voces que se escoitaron en resposta: “Atendede ao voso e comprádelle calzado deportivo a Landras”.
A profecía non fallou, non… a profecía nunca falla, son os humanos quen ven o que queren ver, froito da súa ambición persoal. Que clarificadora sería unha nova manifestación do oráculo que aclarase definitivamente o tema… Somos a humanidade digna de volvelo escoitar? Deberá Xan Rodiño traducir o seu nome a Juan Rodito para que lo entiendan mejor los que no son de aquí, asegurando un maior número de vendas do seu degoirado poemario? Semana interesante a que nos agarda, sen dúbida.
Tánator. Bergantiños (e ás veces máis aló). 31 maio 2021.

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *