Corredoiras gana, pero non se fai co liderado. Carolo fai calar a Charri e Tania consolídase no primeiro posto
Tarde calurosa e terreo en perfectas condicións na Estacada para recibir a 73 participantes que representaban a 7 equipos. Corredoiras presentou un equipo para garantir o triunfo na xornada e con claras intencións de asaltar o liderado da xeral que tiña a 15 ptos de distancia. Finalmente, conseguíu un dos dous obxectivos. O equipo de Bueu ganou con solvencia a xornada, mais non foi quen de superar a LÚA no primeiro posto da xeral, xa que, o equipo de Sanxenxo resistiu e unicamente cedeu por 11 ptos. Gharaboto foi terceiro da xornada a 13 ptos de COR. Os demais equipos pasaron todos de 50 ptos, cousa que só conseguiran 3 equipos na xornada anterior. Cousa que indica con claridade que xa empezan a soltarse os brazos. Os equipos presentaron o seguinte número de xogador@s; GHA 14, COR e RIN 12, VAL 11, ARM 10, LÚA 9 e LAX 6. Destacar que RIN encontrou o remedio para a súa conservación como especie autóctona. Presentou a xogar 5 crianzas menores de 14 anos. Esta especie que estivo en perigo de extinción, o Rinoceronte galego, parece recuperar a saúde.
Ganou a xornada Carolo, por diante de Charri e de Albino Veiga. En Féminas ganou Chefa, segunda foi Tania e terceira Bego. En Infantil dominou Martiño, segundo foi Hugo e terceiro O Raio Verde, Xián. En equipos foi primeiro Corredoiras, segundo Lúa de Forza e terceiro Gharaboto.
Triunfo incontestable de Carolo no golpe de desempate ante Charri. Incontestable porque o mexicano que mellor fala o galego, Charri, non puido contestar a un golpe de Carolo que deixou a billarda nin lonxe nin cerca. Foi un deses golpes que fan moito dano, pois semella tan doado superalo que a musculatura do brazo perde tensión e … ploffff, cagada! Albino Veiga, pola súa beira, relegou a Chicho ao cuarto posto, tamén nun golpe de desempate.
O campo da Estacada, lugar habitual dos adestramentos de Corredoiras, non se puxo tan costa arriba como o CABI de Nantes e xa se viron puntuacións da vintena de ptos. 9 xogadores obtiveron esta suma de ptos, cando na xornada pasada só 5 estiveron nestas cifras. En fin, un campo menos exixente, mais unhas circunstancias particulares que son sinal de identidade da billarda. Unha boa actuación na fase de grupos non garante, máis que iso, unha boa suma de ptos. Non obstante, para ganar a xornada hai que contar con outros factores, como poden ser, acertar o golpe e que o teu rival non acerte, fallar o golpe cando o teu rival tamén falla, e sobre todo e sempre, entrar no varal coa billarda antes que os demais o fagan. Así, Carolo, o vencedor da xornada, pasou coa puntuación máis baixa da fase de grupos e despois foi eliminando aos seus rivais a base de bos golpes e de malos golpes. Estes últimos coincidían en momentos de malos tamén dos seus opoñentes. Conclusión, como dixo o mexicano na súa elocución final, “non sempre ganan os mellores, pero neste caso si”.
Hai que salientar a dous xogadores que obtiveron as máximas puntuacións na fase de grupos con 23 ptos. Estes xogadores foron Martín e Fari, que curiosamente caeron no primeiro cruce eliminatorio. A billarda é así. Non hai golpe fácil, senón golpe que hai que darlle á billarda. En fin, e resumindo, Corredoiras presentou o equipo das galas e non foi quen de adiantar na xeral a LÚA. Incluso, Pepe o ghato, antigo integrante de COR, estivo no campo para intimidar ao resto dos competidores. Foi paseando o seu escultural, atlético e musculado corpo entre os xogadores rivais. Xogador ao que saudaba o ghato, xogador que no seguinte golpe, en vez de petar na billarda petáballe ao aire. Estratexias raposeiras de COR.
ACTAS
FOTOS