Venres, Decembro 13, 2024
Uncategorized

BILLARDA: Pura raza autóctona

Xa están as flores zugando do sol e os paxaros tíranse ás estornelas. A fin de semana ten dúas citas ineludibles para seguir debullando o calendario da Liga Atlántica de Billarda 2020-2021. O sábado será en Bueu, no campo da Estacada, na Conferencia Rías Baixas. O domingo no Campo da Feira das Nenas, na Silva, Cerceda, na Conferencia Noroeste. A previa da xornada nas Rías Baixas está rodeada do ruído que deixou no ambiente a caída de Corredoiras cando visitou o sábado pasado Sanxenxo. O equipo de Bueu ten a oportunidade de levantarse e demostrar que por algo é o equipo máis laureado das Rías Baixas. Ao mesmo tempo, Gharaboto, comeza a remontada e xa respira cerca do liderado da Lúa. E os demais equipos da zona media, aínda están quentando brazos, pois pasaron moitos meses sen actividade billardeira. Desde outubro de 2020 non se competía. Ademais, agora a billarda xa ten denominación de Pura raza autóctona.

Pola súa beira, a xornada do Noroeste está envolta nuns acontecementos que superan os parámetros da realidade humana. Para poñer en contexto estes sucesos, debemos facer referencia a un feito acontecido no mesmo lugar da Silva en febreiro de 2020. Esta foto de abaixo pode ilustrar o tráxico feito. O fendebillardas e almorzavarados da Laracha, Añón Ambroa, foi brutalmente agredido cun palán na súa perna dereita.

O lugar exacto do impacto é o que está creando unha corrente de opinión sobre se el será realmente o elixido ao que se refire unha antiga profecía bergantiñá. En fin, mellor que no lo explique o normalizador infatigable Tánator, redactor para a Comarca de Bi.GAL

Tánator, alén de xornalista vocacional é grande afeccionado á billarda, e como tal, fiel seguidor da web máis representativa deste expansivo deporte. Polo tanto, está ao corrente do que se coce nesta soberbia páxina de lectura mundial. Toda a atención informativa deportiva dos “Tycoon” da comunicación estará centrada este domingo na Silva, no histórico “Campo da feira das nenas”, onde se desvelará o segredo gardado secularmente polos deuses do Olimpo estornelán: o elixido.

O que, nun principio parecía apuntar claramente a Añón (APB) cubriuse de incerteza nas últimas horas, após a contradición xurdida entre os termos “canela” e “peroné”. Este último lugar anatómico onde debera ser golpeado polo palán sacro, segundo as ateas escrituras billardeiras. Polo tanto, varias voces autorizadas da Liga Atlántica xa lanzaron varias interrogantes cuestionando a veracidade dos datos que apuntan ao palanador vermello como o elixido: “O golpe que debera recibir Añón non tería que ter sido no peroné? Daquela, deberá recibir outro palanazo na mesma perna?”, preguntaba o equipo cascarilleiro, Filloas de Sangue. “Ou sería na tibia da outra perna?”, dubidaban, continuando coa súa incredulidade e, clara hostilidade cara ao membro dos “red” da Laracha-Trasancos. E como algo tiñan que dicir os Cochiqueiros de Cerceda, por aquilo de que xogaban na casa, soltaron “e se Añón non fose o elixido?“. Tampouco Campo da Feira quixo faltar nesta caza de bruxas e tamén se lanzou de cheo ao sensacionalismo, “entón alguén máis recibirá outro “macanazo” nunha perna a vindeira xornada?“, dixo un recoñecido membro do equipo celeste, seguindo a súa habitual liña en modo “gutter press”.

Todo ficará resolto na próxima vibrante e emocionante xornada onde o misterioso ou misteriosa palanador ou palanadora será sinalado ou sinalada como o elixido ou a elixida.

 

Tánator. Bergantinhos. 27/05/2021

Para achegar algo máis de luz a esta misteriosa profecía, aquí vos deixamos algunha información anatómica a nivel usuaria. Tamén, podedes consultar o artigo do día 26 de maio no que aparece o vídeo coa profecía da Silva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *