Luns, Outubro 7, 2024
Xornada

ESTRATEXIA PSICOLÓXICA NA BILLARDA- “Nós imos a Bueu” e “A profecía da Silva”

Chega a fin de semana e con ela a competición deportiva onde máis paus se dan sen ferir a ninguén e sen incumprir ningunha lei humana nin divina. As billardas continuarán voando sobre os ceos das Rías Baixas e do Noroeste. Así, o sábado 29 de maio será en Bueu, no campo da Estacada, en territorio Corredoiras e coas alarmas acendidas do equipo dúas veces Campión Galego.

O domingo será na Silva, Cerceda, lugar de recordos para Añón, palanador de APB, que cando militaba no equipo FEI sufriu un palanazo no peroné que o tivo a piques de abandonar a práctica do ioga e o tai-chi, ademais de provocarlle unha crise de parella, pois había posicións de flexión de xeonllos que non puido facer durante meses.

Ben, mentres os equipos continúan a súa preparación física e técnica, BI.GAL tivo acceso a dous audiovisuais estarrecedores. O primeiro provén da Conferencia Rías Baixas, máis exactamente, do CABI de Nantes, no que o equipo verde continúa coa súa preparación de cara a esa visita ao temible campo da Estacada de Bueu. Ademais, o equipo COR ten sede de vinganza, despois da dolorosa hemorraxia de puntos que soportou na xornada da fin de semana pasada en Sanxenxo. Entón, o equipo da Lúa está preparando a súa puntería para sobrepoñerse ao recibimento, sen dúbida, hostil por parte do equipo local. Gharaboto, pola súa parte, non quere facer moito ruído, pero xa está a 11 ptos de Corredoiras e a 25 ptos do líder Lúa.

O outro audiovisual chegounos do noso correspondente na Comarca de Bergantiños, Tánator. Esta documento mostra ata onde se estende o poder de FEI e como este foi conseguido, a base da fidelidade dos seus xogadores e xogadoras? Ou polo temor a marcharse do equipo e sufrir algún accidente fortuíto? Mais, non todos aceptaron esta lei do terror. Un xogador desafiou a esta invisible rede de Paiosaco e escapouse para o rival da Laracha. Agora, a profecía di…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *