LNB NOR 2 XORNADA Eirís. Crónica dunha V…Arela
Magnífica xornada de billarda en Eirís A Coruña. Participación excepcional con 56 inscritos. A LNB NOR celebrou a súa segunda xornada con bo tempo e mellor ambiente deportivo e humano. Ganou a xornada Xan Rodiño, seguido de Charli Varela e Iván. En féminas foi primeira Merche, segunda Mariña e terceira Lucía. Entre a infancia foi primeiro Abel Ponte, segundo Lucas e terceiro Marc.
Na categoría de equipos unha xornada máis saiu vitorioso Campo da Feira.
Agora a clasificación xeral queda deste xeito.
Si, por vez primeira, un Varela encabeza a xeral. Charli ten un brazo poderoso e unha humildade á altura do seu proxenitor Eladio. Aproveitamos este momento de esplendor dos Varela para falar con Charli.
Recollemos impresións dalgún dos protagonistas. “Estamos aí, aínda que hoxe se fallou un pouco. Positiva a participación de xente que levaba moito tempo sen xogar e esperanzadora a implicación de xente que non xogara nunca. O noso problema é o da continuidade, mais como temos un banco amplo mantemos a esperanza e a ilusión”, manifestounos o filloa, Lois Fontán. Roi de APB valorou positivamente a actuación do equipo. “Aínda que tivemos un nivel baixo, aplicamos a táctica de FEI, usar a cantidade de xogadores para cubrir as malas actuacións dalgúns xogadores. Hoxe máis que nunca estamos convencidos de que o que nos falla é a constancia. E programar adestramentos máis regulares permitiranos subir o nivel individual. Tamén dicir que nos faltou Anxo Añón, que é a nosa fichaxe estrela. Ademais, Cotelo está decidido a entrar no cumio da Conferencia”. Pola súa beira, Xulio Ponte, sempre aforrador en frases, deixounos afirmacións deste tipo: “Ben, seguimos gañando xornadas. Somos un equipo compensado e cando un está mal, rexurde outro”.
En fin, coma sempre, certas situacións e circunstancias fixeron desta xornada centro de futuros debates que iremos ampliando durante as vindeiras semanas. Como adaptar un sistema de competición pensado para unha participación media de 33 a unha nova situación na que medrou considerablemente esta media, cun repunte nesta xornada de 56 participantes? Esta complexidade adaptativa haberá que resolvela para futuras xornadas e as mentes privilexiadas de sabias e sabios da LNB NOR xa se puxeron a traballar no asunto.
Aquí quedan imaxes espectaculares de deportistas galeg@s.
Outro aspecto aberto a debate é o da arbitraxe. Vemos nas actas de abaixo que varios borróns, rectificacións e riscado de ptos falan ás claras que Cotelo estivo arbitrando. Para cando uns cursos de iniciación e perfeccionamento na arbitraxe da billarda?
Cerceda tamén existe e antes de rematar queremos demostralo. Berdi cualificaba de lamentable a actuación de COQ. “Estou a facer unha reflexión profunda sobre a organización na Conferencia. Analizando os datos de participación e reflexionando sobre erros organizativos. Isto non ten nada que ver coa lamentabel actuación do equipo”. Ademais, o equipo pasou pola UCI deportiva e a piques de desaparecer agora está vivo. En Eirís presentou un equipo magnífico, cheo de humor e entusiasmo. Os ptos deixáronos para a vindeira xornada.
Enviáronnos nunha imaxe as secuencias da creación do novo escudo. Parabéns COQ por seguir na LNB. Advertíronnos que neste proceso creativo, Alberte foi denunciado por plaxio. Algúns dos seus bocetos semellábanse moito á portada dun extraordinario e mítico CD titulado REPÚBLICA BILLARDA. Tod@s somos Alberte!