Xoves, Marzo 28, 2024
ActualidadeConferencia Rías BaixasLiga Nacional de Billarda

A LÚA volve a brillar sobre as RÍAS BAIXAS mentres CORREDOIRAS canta rancheiras

Sobre a pradeira de San Xulián voaron as billardas, mentres a canícula de outubro atofegaba aos castiñeiros ata deixar sen folgos os ourizos. Landras cargou no maleteiro un saco de castaña de Marín, seica para alimentar as súas ansias de… vitoria xa, dun Filloa na LNB RIB.

Quen se paseou sobre a sabana de San Xulián foi o mexicano e o seu mariachi de Bueu.

 

Non ten límites o dominio de Charri. Ganou a xornada, segundo foi Chicho e terceiro Daniel. En féminas foi primeira Tania, segunda Lu e terceira Ana. Na infancia ganou Martiño, segundo foi Hugo e terceiro o Raio Verde, Xián.

 

Charri estivo en plan director da xornada. Dominou o grupo e a final como a el lle gusta, ao ritmo de rancheira.

 

Os outros finalistas non puideron máis que loitar polas outras dúas prazas de podio, xa que, Charri entrou en 2 golpazos.

 

Así quedan as clasificacións despois de sumar os ptos da xornada de Marín.

O certo é que os ptos acadados nesta xornada foron baixos. Só 4 palanadores dun total de 56 participantes conseguiron chegar á vintena de ptos. Daniel Rino fixo a proeza de sumar 30 puntazos, cousa que lle permitiu acercarse ao intratable mexicano de tal maneira que agora son unicamente 2 ptos os que ten de vantaxe Charri sobre Daniel. Non obstante, a vindeira xornada será no campo favorito do xogador de Corredoiras, A Estacada.

A sorpresa, que non foi tan sorpresa, posto que COR presentouse cun equipo baixo mínimos e LÚA presentou o equipo das galas, foi o cambio de líder en Equipos. Despois de varios anos sen saborear ese primeiro posto, o equipo que ten un campionato LNB, pero ningún Campionato de Conferencia quere esta temporada loitar por el. O equipo de Sanxenxo tiña información privilexiada sobre os problemas que tiñan en Bueu para xuntar xogadores para esta xornada. Daquela, presentou a todos os seus integrantes.  Ata recuperou, despois de varios meses de confinamento, ao Raio Verde.

En féminas as puntuacións foron moi baixas o que permitiu a Adriana conservar o liderado, a pesar da súa mala actuación. As ausencias de Bego, Elena e María Caride permitiron que outras xogadoras subiran ao podio, pois son palanadoras dominadoras cando xogan.

Destacada foi a presenza de 4 palanadores da LNB NOR. Non souberon adaptarse  ás características do terreo de xogo. Tamén, puido ser que non souberan escoller do armario o material deportivo nin a roupa axeitados para xogar billarda.Na foto de abaixo podemos ver a dous destes intrépidos cazabillardas.

 

Ademais da agradable compañía, estes compañeiros do NOR trouxeron varios avances técnicos para mellorar a arbitraxe na LNB. Na foto inferior pódese apreciar a maneira de arbitrar chamada “Cotelo”, por ser este o creador do innovador xeito de arbitrar, e como Landras a executa de maneira impecable.

 

En fin, aquí quedan fotos espectaculares deste marabilloso deporte.

Brais de VALPAÇOS TERRA QUENTE. O benxamín da LNB.
Lola de RINOCERONTE. Debut na LNB.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *