Mércores, Novembro 13, 2024
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

ALEX cicloxénico e explosivo ameaza as xornadas LNB da fin de semana

A LNB ten xornadas esta fin de semana. O sábado, na Conferencia Rías Baixas, xogarase a segunda xornada en Sanxenxo e o domingo en Eirís, A Coruña, estrearase a LNB Noroeste. Sempre que ALEX non o impida. Esta temporada decidiuse non xogar en espazos cerrados e cubertos, polo tanto cando non se poida xogar en exterior porque o tempo o impida, a xornada adiarase ata a fin de semana seguinte.

A xornada segunda da LNB RIB servirá para inaugurar o campo de billarda de Nantes, que xa conta cos varais permanentes e preparado para ser utilizado en competición oficial. Está sendo usado para adestrar por varios equipos do Salnés.

 

Ademais, esta instalación pioneira na Comarca xa foi inspeccionada por un equipo de expertos mundiais no eido deportivo.

 

Por outra beira, a actualidade nas Rías Baixas hai que buscala na fichaxe inesperada e sorprendente de Albino Veiga por Valpaços Terra Quente de Vigo. O equipo quente fai un esforzo económico e refórzase co obxectivo de loitar polo podio, visto que despois da primeira xornada a terceira praza da xeral está ao seu alcance. Tan só 8 ptos separan a VAL da terceira posición. Albino é un palanador cun historial exitoso. Os equipos nos que militou, Lúa de Forza e Rinoceronte, obtiveron resultados magníficos con el. Sen ir máis lonxe, LÚA foi campión LNB no 2014 e RIN foi terceiro na FinaLNB 2016.

 

Na LNB NOR as cousas están que arden a 4 días do comezo da nova temporada. O mercado de fichaxes non dá tregua. Se o luns coñeciamos a nova de que MAC desaparecía, hoxe soubemos que algún cadaver dos seus palanadores xa encontrou sepultura noutro equipo.

O certo é que o historial dos cochiqueiros Viqueira e Berdi é fabuloso e cremos que pronto encontrarán equipo. Berdi tivo unha oferta dun equipo da Liga de Pandolo, o Piran Pandolo esloveno. Viqueira máis arraigado ao territorio non volverá xogar mentres a LNB NOR non cambie o seu horario. ” Que país civilizado comeza unha competición deportiva un domingo ás 11h da mañá? “, manifestounos o enfadado Viqueira. “Non aguanto máis, teño escarallada a fase REM do sono “.

Despois de vagar como alma en Pena, Lito encontrou acubillo en APB. O Litopótamo da Laracha ficha polo equipo no que soñou xogar cando foi neno.

 

Sabemos que outros palanadores andan aínda vagando en busca de acougo. Sabemos que APB, continúa coa súa campaña de apadriñamentos e non nos estrañaría que tamén acolleran as cinzas dos históricos cochiqueiros.

 

Vilas confirma que xa teñen cerrado o cadro de xogadores. “Equivoqueime hai 4 anos cando non fichei a Lito. Agora podo descansar en paz. O fillo prodigo volveu á casa “, indicounos o artilleiro do Rei, Vilas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *