ADIADA XORNADA LNB RÍAS BAIXAS. COMEZA A LNB NOROESTE CUN TERREMOTO INFORMATIVO… MAC en quebra técnica
A inauguración do campo de billarda de Sanxenxo ten que esperar ata a vindeira fin de semana, se o tempo o permite. A xornada que se ía disputar o sábado 26 de setembro adiouse ata o sábado 3 de outubro.
Polo tanto, unha semana máis Charri segue de líder. Non obstante, este magnífico palanador está sufrindo unha campaña de acoso e desprestixio de parte do seu propio equipo. Unha mostra máis desta situación sucedeu hai uns días. Na imaxe de abaixo encontraredes as explicacións.
Da LNB NOROESTE chégannos novas alarmantes. Si, un dos equipos históricos, Cochiqueiros, que xa pasara momentos críticos hai 2 temporadas, cando tivo que facer unha UTE (unión temporal de equipos) con Malpica para sobrevivir, comunicounos a súa desaparición nunha nota emotiva e histórica.
Pois ben, a páxina web oficial de Campo da Feira anuncia varias incorporacións para esta nova temporada e entre elas a dun xogador ao equipo MAC (información anterior a este comunicado oficial).
O mercado móvese nesta última semana e veremos se son certas as informacións desa páxina do equipo de Paiosaco, moi dada ao sensacionalismo, á especulación tóxica e á desinformación interesada. Nada que ver coas novas sempre contrastadas e a información rigorosa dun medio deportivo serio e reputado como BIGAL.
Por outra beira, a crise sanitaria e económica deixou pegada en algún palanador do NOR. Aquí tendes a crónica desde Bergantiños de Tánator, o experto en billarda que máis documentación manexa para elaborar as súas crónicas. Sempre complementa as súas afirmacións con fotos irrefutables.
Cazado por Tánator, Cotelo, especulador impulsivo e cauteloso, busca réditos no novo mercado da construción de campos de billarda.