Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteLiga Nacional de Billarda

LNB NOROESTE… FICHAXE DE RELUMBRÓN… APB FAISE CON AÑÓN

Por fin comeza a moverse o mercado de fichaxes para a temporada 2020-2021. Ademais, esta nova pode conmocionar a LNB NOR, pois trátase dun movemento mestre por parte de APB. O equipo hemorráxico quere encontrar a maneira de acabar co dominio de Campo da Feira. Despois da experiencia dos últimos anos coas fichaxes de Cotelo (2018) e Riveiro (2019), o equipo larachés busca dar o xaque definitivo, debilitando ao rival e ao mesmo tempo reforzando o cadro propio de xogadores.

Añón ten un talento brutal e en Campo da Feira non podía seguir crecendo, xa que a sombra dos grandes palanadores de FEI era moi grande e caía sobre el, impedindo que o sol lle chegase.

“Queridos compañeiros, quero comunicarvos que para a vindeira temporada únome aos compañeiros de APB. Grazas por estes 3 anos de bos momentos e grazas polo voso comportamento comigo. Un saúdo. Billarda Sempre”.

Esta é a mensaxe de despedida de Añón, quen deixa unha fonda pegada no equipo de Paiosaco. Quixemos saber a opinión dos seus novos compañeiros de APB en relación a esta operación. Cotelo non quixo facer declaracións por respecto a FEI e porque igual se lle escapaban varias exclamacións pouco decorosas que poderían ser mal interpretadas. Un santo o bo de Cotelo.

Riveiro foi máis clásico e afirmou que “todo o que sexa mellorar o equipo benvido sexa, tanto sexa Añon coma outro. Penso que Añón vai facer que o equipo mellore e pegue un salto na clasificación o próximo ano. Un toque de atención para o resto dos equipos, que vaian poñéndose as pilas para o próximo ano! Outra cousa, a ver se Añón ten máis sorte ca min e consegue a equipación oficial antes do inicio da nova temporada”.

Julio Vilas, na súa liña de sintetizar en poucas palabras grandes pensamentos dixo, “debe ser un agarimo dos meus rapaces”.

Finalmente, Roi confirmou que aínda pode haber algunha sorpresa máis. Será que andan detrás dos xogadores que rematan contrato, como son Araña con FEI e Landras con FIL?

De momento Campo da Feira non emitiu comunicado oficial sobre a pérdida dun dos seus baluartes ofensivos.

 

Con algo de retraso APB enviounos tamén a imaxe da presentación de Riveiro. Seica, para que o saldo bancario non se fose a números vermellos tiveron que contabilizar a operación da contratación de Riveiro no exercicio 2020, por iso nos envían agora estas imaxes. Aseguráronnos tamén que Riveiro podía durmir tranquilo, pois a súa equipación está moi cerca de chegar ao seu domicilio. Parece ser que xa se recolleu o algodón nos prados de Vimianzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *