Mércores, Outubro 4, 2023
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

ABERTO de BILLARDA de SAN XOAN DE RÍO 14 agosto 2020

A praza da igualdade de Río foi escenario doutro magnífico torneo de billarda. 32 participantes distribuídos en 4 grupos de 8 xogador@s. Sobre a pista mixta, cemento e terra, dous estilos de xogar billarda enfrontados. A asombrosa forza da Marea Verde de Manzaneda, con xogadoras e xogadores de brazos longos e golpes estratosféricos, contra a fina esgrima de San Xurxo, coa sensacional clase do Patriarca Juan Pérez. Secundado polo adolescente entusiasmo de xogadores en idade infantil, o incombustible Juan, que non coñece o desalento nin a fatiga, pasou de grupo e en oitavos ganoulle a Sara (Campioa do Aberto de Manzaneda do día 9 de agosto), para sucumbir ante o poderoso brazo de Marcos no desempate. Marcos remataría segundo clasificado.

Vitoria de Pablo da Marea Verde. Imparable o seu golpeo e a súa precisión. Segundo foi Marcos de San Xurxo e terceiro Eros, outro rebenta billardas. Tamén, subliñar a presenza de 3 palanadores LNB, Collazo, Juancar e Landras. Landras quedou eliminado ante Marcos en oitavos de final, Juancar perdeu en cuartos contra Eros e Collazo foi derrotado, tamén por Eros, na disputa do terceiro e cuarto posto. Estes dous xogadores de FEI perderon no desempate.

 

O noso corresponsal e especialista na billarda que se xoga en terras de Trives transmitíunos a súa experiencia nunhas poucas palabras a través do whatsApp.

 

Magnífica organización e ambiente espléndido e… que dicir da riqueza organoléctica dos premios… 1-Bica, Mel e Queixo, 2-Bica e Mel, 3-Queixo. Outro éxito da xestión do alcalde San Xoán de Río, Chemi Pérez Blecua, o único alcalde galego que ten o seu nome inscrito no Alboio da Fama da LNB, 2 vitorias en xornadas LNB. Grande Ble.

 

Aquí quedan algunhas fotos do torneo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *