Martes, Abril 23, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteLiga Nacional de Billarda

PREVIA xornada 17 LNB NOR. As prazas de finalista concentran o interese deportivo da Provincia. Equipos e xogadores usan técnicas ancestrais de control psicolóxico sobre rivais incómodo@s

Penúltima xornada da LNB NOR en Pontoxo, As Encrobas, Cerceda. O interese céntrarase en varias zonas da táboa clasificatoria. Na Categoría Individual Absoluta hai 10prazas que dan dereito a ser finalista LNB 2020. Estas prazas están definidas en canto aos 8 primeiros postos.

 

Vistas as cousas de ptos diremos que a terceira praza do podio ten un candidato firme e sólido como os alicerces dunha Ponte.

 

Despois estaría a zona do xogador Revelación, lugar que ocupan palanadores que xa teñen segura a súa praza de finalista e non poden chegar ao podio. Son palanadores que destacaron esta temporada cun rendemento inesperado. O que sucede é que a loita nesta parte da táboa está contaminada con certas prácticas de maxia e bruxería que non podemos aclarar demasiado. Vaia, algo si podemos confirmar, Añón foi cazado nas imaxes que aparecen máis abaixo. Abel Ponte, O Castiñeiro de diamante de Paiosaco, encóntrase nesta zona e ademais xa é Campión Infantil desde a pasada xornada.

 

Entramos nas zonas máis sensibles. Os 2 postos de finalista individual que están no aire e o posto de finalista de Equipos.

Hai ocasións nas que as frases apenas son quen de achegarse aos sentimentos que se viven nun momento crucial da temporada como é este. Mellor as imaxes.

Cada equipo prepara a xornada como cre máis axeitado. O equipo local MAC bota man do libro “Superticións e… habelas hainas” de Añón Ambroa, editado por Veigas e Meigas Editora, da Laracha. Libro esgotado, non quedan exemplares. O equipo retador, APB, botoulle as mans a un torno e preparou un material invencible segundo nos confirmou o rei Vilas. Cotelo máis cauto tamén vai xogar cunha ristra de allos ao pescozo e vestindo “a de pana”, que tan boas vibracións lle deu na xornada de Castelo.

 

A categoría feminina ten campioa virtual. A segunda praza de podio tamén está segura. A terceira praza de podio e a segunda praza de finalista van estar loitadas, con opcións para Mariña e Aurelia.

 

Acabamos de ter acceso ás fotos máis secretas de APB. Tánator xogouse as pernas fotografando o material que vai usar APB nas Encrobas, mentres era torneado. Sábese que este equipo aconfesional está a favor de fracturar pernas de rivais e MACnipuladores. Como se pode observar nas fotos, prepararon 4 modelos de palán para adaptarse á superficie mixta, cemento-herba e plana-inclinada da pista das Encrobas.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *