A BILLARDA… despois de miles de anos de extinción…
Despois da Super Findebillarda e antes destas dúas semanas sen billarda que veñen por diante, imos deixar algunhas cifras que anuncian a chegada do período Billardáceo, caracterizado pola expansión da billarda como xeito de lecer deportivo-cultural-social-espiritual, que dominará os vindeirso séculos.
Temos os datos oficiais dos equipos das 3 Conferencias LNB a día de hoxe. No referente ao número de xogador@s que utilizaron durante estes meses e, tamén, con relación á media de xogador@s por xornada LNB.
Desde a creación da LNB (2005), o número de equipos foi variando desde aqueles 3 pioneiros e míticos equipos da Conferencia MAI, PETAPOUCO, EKIPA-SAFARI e VARAL-MEDIA ata a temporada 2013-2014, na cal se chegou ao número máximo de 40 equipos. Desde o 2016 o número de equipos estabilizouse arredor da vintena.
Unha peculiaridade única e irresistible da LNB é a xenuína identidade de liga aberta. Isto implica que ademais de xogar calquera persoa, teña equipo ou non, xogara algunha xornada antes ou non, está aberta ao intercambio humano entre as diversas conferencias. Así, foi na temporada 2009-2010, cando esta transmigración de almas e corpos comezou a realizarse de xeito natural. Na temporada seguinte, xa foi unha práctica habitual para moitas xogadoras e xogadores. Pois ben, esta temporada, afirmamos que a conferencia que recibiu máis visitantes doutras conferencias é a LNB NOL con 20 visitantes, despois estaría a LNB NOR, que recibiu 14 visitantes e a RÍAS recibiu 13. Cifra que aumentará coa chegada da primavera. Ao mesmo tempo, a LNB NOL é a única conferencia que aínda non tivo visitantes nas outras conferencias. Son 7 equipos os que xa visitaron outras conferencias diferentes á súa propia. Destacamos, como equipo máis viaxeiro a Campo da Feira de Paiosaco. Esta riqueza de interaccións e de coñecemento do país fai da LNB unha especie que dominará o planeta nos próximos séculos.
Os medios de comunicación escritos mostran imaxes e textos sobre a LNB e dan visibilidade a unha práctica deportiva atractica e divertida, cando non, terapéutica.
LNB RÍAS BAIXAS