Xoves, Marzo 28, 2024
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

PREVIA da SUPER FINDEBILLARDA

Xa temos os vídeos promocionais de cada Conferencia para atraer participantes e turistas aos concellos onde se vai disputar a Super Findebillarda. Para comezar, Sachas leva un mes preparando os trofeos en madeira, non quixo saber nada do ferro. Trofeos que, por fin, xa era hora, sen tempo non foi… por primeira vez, van chegar para tod@s participantes en idade infantil. Que tomen exemplo outr@s organizador@s que non queremos citar. Ademais, o estimado Sachas está coidando a herba do campo como se do coello que ganou en Piedras Blancas se tratase. Máis aínda, mide a temperatura da terra cada 24 h. Ten pensado cortar a herba a unha altura de 1,5 cm e para tal fazaña vai utilizar o mencionado coello “Piedritas”, que ten a dentadura tan afiada como unha rebarbadora.

Campo de fútbol de Riotorto

 

Vós mesmas, vós mesmos, podedes apreciar que cada audiovisual achega características propias e únicas para destacar as virtudes do seu concello. Así, a xornada LNB NOL será por vez primeira en Riotorto, lugar de ferreir@s e Troitas… pois ben, a realzar a madeira dos paláns !

 

A xornada LNB RÍAS será, tamén, por vez primeira na Armenteira, no campo de fútbol do Leixo, situado no Alto do Leixo a 370 m sobre o nivel do mar e… vaia, o vídeo promocional gravado no Estadio de Billarda de Poio, situado ao nivel do mar !

 

A xornada LNB NOR será no campo de fútbol de Vista Alegre, Soandres, A Laracha, e o Feidrón voou sobre… curiosamente, sobre o mesmo terreo de xogo… o único audiovisual que non cae nos vicios televisivos de mostrar a realidade maquillada ata o extremo de camuflala, aínda que… vaia!, xa entramos no Entroido, por que non? Disfracemos a existencia coa madeira das nosas billardas.

 

Para introducir un ingrediente máis neste menú de Entroido, aquí están os datos de participación a día de hoxe nas 3 Conferencias LNB. Con estes números elabórase a porcentaxe de participación e a partir desta porcentaxe extráese o número de prazas de FinaLNB 2020 que lle corresponden a cada Conferencia.

 

O número de prazas definitivas decidiranse a comezos de maio. Decidiuse así na xuntanza celebrada en Castro de Ribeiras de Lea. Ao haber diferente número de xornadas na LNB NOL que nas outras dúas, tamén, acordouse que as porcentaxes de participación faríanse sobre 10 xornadas, as 10 xornadas de cada Conferencia con maior participación.

Analizando as cifras diremos que a Conferencia Mai experimenta un crecemento demográfico importante, o que supón que a día de hoxe teñan 18 prazas na Absoluta e 7 na Feminina, mentres a LNB RÍAS ten 19 e 10. Pola súa banda, a LNB NOR tería 9 prazas absolutas e 2 femininas. Indicar que a LNB NOL ten 2 prazas máis, unha en cada categoría. Ten 1 praza para o Coroceiro 2019 e 1 praza para a Campioa Feminina 2019.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *