PREVIA da 10 xor LNB RÍAS BAIXAS. Os equipos mostran as súas armas… co obxectivo de amedentrar ou acolloar aos rivais
Rinoceronte, equipo de billarda, está preparando o ambiente nun lugar e unha xornada que historicamente sempre se lle deu ben, en canto a resultados e ptos. Así, xa manipulou convenientemente o cartel para inxectar temor, espanto, pavor, pánico e arrepío nos rivais. Veremos que efectos produce tan arriscada iniciativa.
Pola súa parte, Armadiña consolida o equipo para esta segunda volta cunha decisión valente e comprometida. Desfaise dun xogador que foi un lastre que non deixou ao equipo de Poio render a tope e, ao mesmo tempo, mete un raposo no galiñeiro de Lúa de Forza, rival directo pola última praza de finalista LNB. Desde o gabinete de prensa de Armadiña enviáronnos a foto de presentación do novo palanador de Lúa de Forza. Esta sorprendente operación apenas lle supoxo ao equipo celeste pagar mil euros para que Lúa aceptase a incorporación do elemento. Cousas da billarda, hai que pagar para que che leven a un xogador… !!!
Lúa de Forza continúa cos seus métodos innovadores de adestramento. Na foto de abaixo aparece a súa xogadora franquicia, Lu Torres, cun radioxeolocalizador de pescozo que guía as billardas dereitiñas ao varal. De momento só o esta utilizando nos adestramentos, xa que, a LNB non homologou este sofisticado e infalible material. O equipo verde espera facer máis probas para demostrar que as ondas magnéticas que emite o aparello son inofensivas para a saúde mental dos palanadores de Corredoiras, moi sensibles a calquera golpe ganador dos equipos rivais.