Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeConferencia NorlesteLiga Nacional de Billarda

Crónica da xornada LNB NOL Castro Ribeiras de Lea. Carabullo non estaba morto, estaba… de esmorga

Hai veces que a fortuna é tan caprichosa na manifestación das coincidencias que semella que todo está premeditado por unha mente superior… ou inferior, vai ti saber ! O caso é que Sachas foi de vacacións a Valencia… (do Levante español), e deixou orfas as Troitas, que Villarino viaxou a Valencia… do Sil, a buscar viño, e deixou ceibos e desamparados aos búfalos de Remourelle. As consecuencias non se fixeron esperar máis alá de catro horas, as que durou a xornada 7 da LNB Norleste disputada en Castro de Ribeiras de Lea. Troitas perdeu a praza de finalista conseguindo a peor puntuación da temporada. Bulls perdeu o norte e conseguíu a peor puntuación da temporada. Polo tanto, “quen vai a Valencia perde consistencia“.

Billardeiros Musicais segue a partitura doutros anos, 75 ptos de media por xornada e o equipo que queira superalos que faga un poquer (4 xogadores con 20 ou máis ptos). Ademais, a debilidade do equipo de Ribadeo a media de idade do seu cadro de xogadores e xogadoras xa non o é tanto. A incorporación de Aroa foi aire fresco para os pulmóns dos músicos. Esta nena ten algo que vai facer dela a herdeira natural de Geni, cando esta se retire, dentro de 30 ou 35 anos, unha irrefreable paixón polo xogo, amais dunha fantástica coordinación, cousas que presaxian grandes momentos para o deporte da billarda.

Billarda Verde recuperou a xogadoras do desaparecido Polka e a Agapito. Unha fenomenal nova que indica o labor deste equipo para manter viva o lume da billarda. Temos curiosidade por ver se o concello residencial do equipo trocará o seu nome polo de Castronegro. De momento, o que sabemos e que a cor da billarda verde será máis escura ao mesturarse con tanta polka negra.

Castiñeiro Milenario continúa sen follas, esta época do ano non é de produción, senón de xestación. Daquela, como ben dicía Carlos, xa chegarán as follas, digo os ptos, cando veña a primavera. Aínda que Pablo sacou un 9, número que nun exame de matemáticas sería excelente, o xogador franquicia do equipo non estivo ao seu nivel, quizais sorprendido polos trampas de area que o equipo local tivo a ben situar en lugares estratéxicos do campo.

Madia Leva traballa a longo prazo e co equipo máis novo da categoría marcouse como obxectivo o Título LNB NOL 2030, cando as súas crianzas xa teñan a maioría de idade e Miguel acade a equilibrada madurez dun bo viño Valdeorras. A fichaxe de Ana estalles dando a necesaria paciencia e tranquilidade para seguir neste camiño que levará a Mateu, Diego, Maré e Moraima a vestir a camiseta da Auténtica de Billarda nas olimpiadas do 2036.

Chaínzos-Cadaval levaba preparando esta xornada desde o ano pasado. O terreo foi acondicionado cuns obstáculos de area que favorecerían o xogo das súas xogadoras. Ao mesmo tempo, marcaron os límites dos campos con cordeis case invisibles para dificultar a observación dos xuíces de campo cando as billardas bateran cerca deses límites. E para rematar a estratexia, botaron o sol do campo a iso das 5 da tarde para que as sombras tomasen posesión da herba. En fin, todo estaba perfilado para a súa vitoria. Sucedeu que non contaron con que Carabullo, aínda que non ten ao raposo prateado Cortón, si ten a varios palanadores raposeiros que intuíron a xogada e durante o Nadal tiveron a Migho infiltrado. Así, Migho estivo seguindo os pasos, polas tabernas e outros locais nocturnos da Terra Chá a Kiko e a Mario, os autores intelectuais de tamaña emboscada. Os resultados acadados por Carabullo falan ben da competencia de Migho en temas de espionaxe. Carabullo esmagou a todos os equipos coa súa mellor puntuación da temporada, 87. Cousa que unida á mala actuación de Troitas xa os sitúa en praza de FinaLNB 2020. Moitas bocas van ter que cambiar as súas opinións sobre o equipo sobranceiro da Chaira. “Non estaban mortos, estaban de esmorga“.

Troitas Bravas empezou con pouco combustible a costa de xaneiro e quedouse na metade sen poder subila de todo. A verdade é que o noso enviado especial a Castro confírmanos que Gutierrez e Noé, ao finalizar a xornada, non estaban nada contentos coa ausencia inxustificada de Sachas, nin co rendemento mediocre de Navallo. Por outra parte, Regueiro, unha vez máis, marchou sen asistir á entrega de premios, cousa que incumpre o réxime interno do clube. Pode haber un caso “Beil” en Troitas? Ata Manolo perxurou contra o da Pastoriza, “desde que é líder está moi… moi…“. “Cala Manolo”, díxolle Mari Carmen, “non te perdas… pensa ben o que vas dicir que ti es moi enérxico e despois veñen as dificultades para evacuar as tripas”.

Asi queda a clasificación xeral EQUIPOS
Así queda a clasificación xeral ABSOLUTA

Lola xa puxo en coñecemento das autoridades a desaparición da furgoneta dos Bulls cargada con 10 mil litros de viño Valdeorras e conducida por Villarino. Foi vista, onte pola tarde, dita furgoneta, circulando por unha estrada local de Cantabria. Ao mediodía de hoxe Villarino chamou a Lola, unha vez que deu desbloqueado o móbil, xa que, o efecto da cata á que asistiu en Valencia do Sil, foi unha perda de memoria transitoria. Xa lembrou o contrasinal. Remourelle espera a chegada de Villarino para o venres desta semana. Semella que se confundiu co GPS da furgoneta e chegou esta tarde a Cantabria.

Tres equipos da LNB NOR estiveron presentes en Castro de Rei, Campo da Feira, Filloas de Sangue e APB. A súa participación contribuíu a bater todas as marcas históricas de participación nunha xornada de liga do Norleste, 86 persoas. Brutal !!! Este movemento social, cultural e deportivo é imparable. E que ledicia ver a tantas crianzas sobre a herba de Ribeiras de Lea. Billarda sempre!

Algunas fotos espectaculares das nosas deportistas e dos nosos deportistas.

DENIS
CHOUSA CARABULLO
CARLOS CASTIÑEIRO MILENARIO

 

MANU BILLARDA VERDE
ANTOM MADIA LEVA
ERO BILLARDA VERDE
LUCHO CHAÍNZOS-CADAVAL
LOIS MADIA LEVA
JORGE REMOURELLE BULLS
JAVIER CHAÍNZOS-CADAVAL
IVÁN ALONSO BILLARDA VERDE
GUTIERREZ TROITAS BRAVAS
GENI BILLARDEIROS MUSICAIS
FRANCO BILLARDEIROS MUSICAIS
LORENA CHAÍNZOS-CADAVAL
MARI CARMEN TROITAS BRAVAS
MARKYTOS BILLARDEIROS MUSICAIS
MIGHO CARABULLO
MURIEGO REMOURELLE BULLS
PABLO CASTIÑEIRO MILENARIO
SANTI CARABULLO
SARA BILLARDA VERDE
TANIA TROITAS BRAVAS
VERO CHAÍNZOS-CADAVAL
JULIO VILAS APB
DELIA CHAÍNZOS-CADAVAL
XOSÉ MANUEL CASTIÑEIRO MILENARIO
XULIO PONTE CAMPO DA FEIRA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *