Xoves, Abril 18, 2024
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

REMOURELLE BULLS xa ten a estratexia definida e no NOROESTE a billagra agrada a FILLOAS DE SANGUE

Menos de 24 h para o reencontro da familia LNB NOL e xa está definida a estratexia dos Bulls. Segundo fontes moi cercanas á Taberna de Lola, a primeiras horas da madrugada o patrón dos búfalos sae cara a Valencia do Sil en busca do elixir da vitoria, varios bocois de viño de Valdeorras que a ben seguro calmarán a sede de Milio. A ruta do desprazamento é a seguinte, Villarino sae de Remourelle cara a Navia e despois todo é costa abaixo ata Valencia, facendo paradas en Cangas do Narcea e en Ponferrada. En Valencia carga a furgoneta e dirixe as rodas cara a Castro de Ribeiras de Lea, a onde ten pensado chegar sobre as 15h., xustiño para socorrer aos seus compañeiros da fatiga e a deshidratación. Muriego non as ten todas con el e vai levar un termo con licor de toxo por se o infatigable Villarino non chega no horario previsto, sobre todo, contando coas paradas de rigor na Rúa, Monforte, Sarria e Lugo, antes de recalar en Ribeiras de Lea.

Ao mesmo tempo, Xermán enviounos imaxes dos adestramentos intensivos do equipo no Campo de Billarda que ten arrendado en Castroverde. A foto é no momento no que están usando un sistema de crioxenización peculiar dentro duns barriles cheos de cervexa e xeo para osixenar a musculatura despois dunha intensa sesión.

 

A conferencia Noroeste, a máis mediática da LNB, volve á acción o domingo 12 xaneiro en Paiosaco. O dobre de Chanquete, Julio Vilas, patrón de APB, estivo onte, xoves, en Landrover e non quixo desaproveitar para mostrar ao mundo que el tamén ganou unha vez, vai demasiado tempo, un Aberto de Billarda, e o máis curioso é que pensaron que esa historia non lle puido pasar a el… xente de pouca fe.

Pola beira atlántica a cousa vai de estrear os agasallos que a Apalpadora tivo a ben traerlle á xente do Noroeste. Nas fotos pódese apreciar que a billarda sobresae entre outros regalos de menos entidade e máis efectividade coma o termo, Billarda Sempre, de Roi ou o palán de Fuentes. Das billardas destacamos a Tarántula de Edu, a billarda Laziño, a Mercedes e, por enriba de todas, a BILLAGRA, que recibiron os integrantes de FILLOAS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *