Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

A LNB innova en material de xogo e a Terra Chá quere o seu Centro deportivo de billarda

A prensa galega xa non dubida en levar a billarda nas súas portadas e contraportadas. As primeiras xornadas LNB do 2020 están sendo unha das novas deportivas máis destacadas. Vemos nas imaxes de abaixo as xornadas de Castro de Rei e de Paiosaco anunciadas en Nòs Diario.

 

 

A xornada 7 da LNB NOL en Castro de Ribeiras de Lea vai ter varios puntos de interese. En primeiro lugar, as posicións clasificatorias, que están deste xeito nas prazas de finaLNB 2020:

Por outra beira, o tan ansiado proxecto dun Centro de Tecnificación Deportivo da Billarda na Terrá Chá está cada vez máis perto. Os equipos chairegos xa adestran nas futuras instalacións de Castro de Ribeiras de Lea. De momento, estas instalacións aínda están tomando forma e serían para Chaínzos-Cadaval, Castiñeiro Milenario e Troitas Bravas. Mais, sabemos que outros equipos de fóra da Comarca están interesados en usar estas modernas instalacións de adestramento e xa presentaron as súas solicitudes para poder acceder a elas, cando estean rematadas.

Por suposto que temos as imaxes tan agardadas de Troitas usando o seu novo material que “revolucionará a práctica da billarda“, esta foi a frase contundente que pronunciou Gutierrez despois da proba piloto que realizaron sobre o mesmo terreo de Ribeiras de Lea. Estes ensaios resultaron plenamente satisfactorios. Nun primeiro momento, as noticias que nos chegaran falaban dun apoio para que a billarda levantase o seu corpo da herba de xeito eficaz e infalible, pero, o que descubriu o noso equipo móbil desprazado ata a Terra Chá foi que é a mesma forma da billarda a que fai que esta se levante ao instante. Este modelo de billarda é un prodixio que ademais de levantarse con facilidade en todo tipo de terreo, penetra con precisión e contundencia no varal. Tal é a sensación que está causando na Chaira que Troitas e Chaínzos están nunha lea pola patente.

NAVALLO xogador de Troitas Bravas adestrando no CCTDB de Castro de Ribeiras de Lea coa nova BILLAGRA

Para enguedellar máis o caso resulta que dous equipos da LNB NOR tamén están probando este modelo, Filloas de Sangue e Campo da Feira, de cara á xornada do domingo en Paiosaco. Os avances na artesanía e manufactura do material de xogo non pasan desapercibidos para os servizos secretos dos equipos de billarda e en poucas horas o que se traballa en I+D no Norleste acaba coñecéndose no Noroeste e viceversa. En fin, vai depender dos resultados desta fin de semana que a Billagra (con este nome se coñece o novo modelo) saia ao mercado ou non. Esta nova fala ás claras que as Conferencias do Norte están varios pasos por diante en canto a recursos materiais e a investigación.

REGUEIRO de Troitas e líder actual da LNB NOL tamén se acercou a adestrar ao CCTGB de Ribeiras de Lea e, como non, utilizou o novo modelo BILLAGRA

Para adaptarse a este novo modelo de billarda algúns equipos aceleran a modificación dos deseños dos seus escudos. Dicir, tamén, que os xogadores máis veteranos están entusiasmados con esta nova billarda. Outra cousa será quen a patenta antes !

 

Non todo ía ser ledicia e debemos informar que un virus aviar non identificado está causando efectos preocupantes nalgún xogador de billarda. Semella que o virus só se transmite de Galiña de Mos a varón humano, pois, as mulleres están inmunizadas ao posuír ovarios. Temos fotos do adestramento dos equipos en Ribeiras de Lea e como este estraño virus afecta a algunha persoa e a outras non. En fin, ollo coas Galiñas de Mos e cos seus ovos!

Este virus non respecta nin ao Tricampión LNB MARKITOS

 

Antes da xornada 9 da LNB NOR as clasificacións están que queiman nas prazas de FinaLNB 2020. Haberá que ir perfilando varias incógnitas na segunda volta da Temporada. A emoción en todo o alto, nunca mellor dito despois da irrupción deste novo modelo de billarda.

 

Os equipos da LNB NOR tamén están adestrando no mesmo lugar da xornada do domingo, en Paiosaco, e coa BILLAGRA. De momento, este modelo de billarda só ofrece vantaxes, pois, garante o 100% de eficacia no levantamento da billarda, despois, metela no varal xa vai depender de cada quen. Gándara desfaise en eloxios e gabanzas, “esta billagra vai facer feliz a moitas persoas e mellorar a calidade de vida doutras tantas familias“, isto afirmaba o mestre artesán de Baio. Pola súa banda, Edu respiraba con alivio, “que falta me facía unha billarda como esta. Tendo esta Billagra non vou ter que mendigarlle máis billardas a Collazo“. Lois, Manolo Montes, Ladito e Fuentes celebran a chegada desta innovación no material, pois o seu xogo tiña un déficit importante no primeiro golpe, no golpe que se dá para levantar a billarda do chan. Nas imaxes vemos como xa están adestrando coa nova Billagra.

 

Deixa una resposta a Anónimo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *