Venres, Febreiro 7, 2025
ActualidadeLiga Nacional de Billarda

PRIMEIRAS XORNADAS LNB 2020… quen parará a Regueiro O Bárbaro?

Os primeiros golpes de palán sobre billarda do 2020 escoitaranse e oiranse en Castro de Ribeiras de Lea o vindeiro sábado 11 de xaneiro. O mítico Aberto da Galiña de Mos celebrará o seu décimo aniversario coa presenza das mellores xogadoras de billarda de Galicia e, tamén, con algún dos mellores palanadores da Terra Chá. O terreo de herba do campo de fútbol de Ribeiras de Lea (para cando ese primeiro campo de billarda permanente da Terra Chá?) será unha alfombra verde que non ofrecerá facilidades a quen non se preparara a conciencia durante o Nadal. A inactividade destas datas festivas vai pasar factura, non cabe dúbida. Mais, sabemos de boas fontes que Troitas preparou unhas sesións de adestramento durante o Nadal para que o liderado de Regueiro non se vexa ameazado. Ademais, sabemos que en Son Saúde, o Centro de Fisioterapia Oficial do equipo troiteiro, completaron a súa recuperación total Sachas e Guti das súas caídas de moto e Noé da súa… da súa… da súa disfuncionalidade coordinativa no ombro e a anomalía na percepción óculo-espacial. En fin, desde que Gutierrez colleu o timón e a cana de pescar, o equipo deu un salto de calidade evidente. Esta temporada aspiran a todo e nesta primeira xornada esperan sorprender aos seus rivais presentando unha innovación revolucionaria. Un apoio para levantar as billardas en herba infalible que vai subir as pulsacións dos corazóns de xogadores e xogadoras dos demais equipos. BIGAL enviou unha reporteira a Terras da Pastoriza para conseguir imaxes dese artiluxio do demo. Esperamos ter máis información antes do sábado.

 

 

O ano pasado Daniel conseguíu o pleno de puntos. E estes foron todos os resultados.

Tamén, temos a imaxe máis buscada do líder Regueiro nunha sesión de adestramento dirixida por Guti.

O da Pastoriza estase poñendo coma Conan O Barbaro para afrontar o reto de aguantar no máis alto do podio ata final de temporada.

 

 

O domingo 12 de xaneiro, a LNB NOR volve ao centro neurálxico da billarda da provincia, a Paiosaco. Alí daranse cita as xogadoras e xogadores de billarda máis mediáticos da LNB, ou sexa, que máis aparecen nos medios de comunicación. A estratexia agresiva de EGASA de facer chegar a todas as redaccións dos xornais da provincia centos de notas informativas e miles de fotos xogando billarda, pois, da os seus froitos. A insistencia, perseverancia, teimosía e obstinación da Araña de Peisaco non ten igual no territorio europeo. Nin a Federación Slovena de Pandolo ten un gabinete de comunicación tan potente. A tal punto é a súa penetración nas redes sociais e televisivas que soubemos que recibiu unha oferta económica indecente para dirixir o gabinete de comunicación da Federación India de Gilli-Danda. O extraordinario palanador de Campo da Feira está nunha encrucillada, xa que, ten contrato co equipo de Paiosaco ata final de temporada, mentres que a Federación de Gilli-Danda quere a súa incorporación inmediata. Sería o responsable da área de comunicación e tamén xogador do equipo APTeam de Nova Dheli. Veremos que decide o compañeiro Edu. De momento temos unha imaxe de Edu no país hindú para negociar.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *