Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteLiga Nacional de Billarda

7ª xor LNB NOR Culleredo domingo 8 decembro

A Conferencia Noroeste está no seu mellor momento histórico de participación e iso nótase tamén no seguimento que está tendo por parte doutros países. Sabemos de boas fontes que varias universidades da India están estudando a técnica de golpeo destes indíxenas do Noroeste, pois, queren descubrir o secreto para mellorar o seu nivel técnico. Como saberedes, Guili Danda é o nome da billarda na India e practícano millóns de persoas, pero aínda non acadaron a excelencia no golpeo, entón, están buscando remedio para esta eiva. Quixemos publicar as imaxes tal e como as recollemos da pista de Laxe (Vilaboa-Culleredo-A Coruña) para que as nosas irmás, os nosos irmáns da India poidan perfeccionar o seu estilo de golpeo sen ter que desprazarse ata a provincia da Coruña.

 

Que dicir da xornada? Pois, Cotelo continúa coa súa sanción de 3 meses sen arbitrar, despois das súas neglixentes actuacións de Caión e Folgueira. Está indo a rehabilitación a un centro de instrución teórica e regulamento LNB. Campo da Feira non quixo máis bromas e presentou 20 xogador@s, ou sexa, o 41% dos participantes eran de FEI e, por suposto, conquistaron a vitoria de xeito asoballador. Filloas de sangue aguanta o tirón dos equipos con maior número de xogador@s, coa taxa de fecundidade máis baixa da Conferencia, pero co escudo de ser o equipo máis lonxevo da LNB NOR. MAC continúa na segunda praza de finalista e aumentou en 9 ptos a vantaxe sobre APB. Mais, esta situación pode dar un xiro copernicano, xa que, Lito Pena está convalesciente dunha intervención cirúrxica para mellorar o seu golpe de billarda. O bravo palanador de MAC caracterízase por un fortísimo golpe de billarda que non coñece límite. E precisamente son os límites do campo os que impiden, nalgunhas ocasións, o seu triunfo. Deste xeito, implantáronlle un sexto dedo que lle vai servir de timón para dirixir dereitiña a billarda. Veremos pronto os efectos desta nova man biónica. O bo de Lito está recibindo multitude de mostras de apoio. Destacan as mensaxes de APB que lle desexan descanso prolongado para que recupere de xeito sereno e sen présas a súa man.

 

Edu recibiu un agasallo anticipado de parte do Apalpador Óscar Ponte, unha billarda co debuxo dunha araña. Un deseño espléndido e que está valorado en 300 euros. Despois de que Collazo lle cortara o suministro de billardas a Edu, os seus resultados son mediocres, pois, o material que usa non é da calidade que tiña o de Collazo. Con este novo material esperamos que EGASA volva ao lugar da clasificación que lle corresponde por talento. Aquí queda o audiovisual da xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *