Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeConferencia Rías BaixasLiga Nacional de Billarda

LNB RÍAS BAIXAS 7ª XOR CANGAS 2019-11-16

Así están as clasificacións despois de disputadas 6 xornadas. Ricar, Bego e Corredoiras dominan con claridade as Clasificacións Absoluta, Feminina e de Equipos, respectivamente.

Queremos analizar varias circunstancias, facendo unha comparativa destas clasificacións coas que se deron a temporada pasada con este mesmo número de xornadas celebradas. Antes diso, sinalar un dato importante. Esta temporada as prazas de finaLNB 2020 que corresponden á LNB RÍAS son menos debido ao aumento de participación das outras Conferencias. Así, a día de hoxe (xa que as prazas definitivas saberanse cos datos a finais de abril, mais, por información doutras temporadas os cambios van ser mínimos de aquí ao final. Van xogadas 4 xor no Norleste, 5 no Noroeste e 6 nas Rías) corresponderían 19 prazas na Categoría Individual Absoluta, 10 prazas na Categoría Feminina e 3 prazas na Categoría de Equipos para a Conferencia Rías Baixas.

Vemos como Ricar subiu as súas prestacións de ptos considerablemente, 134 ptos nesta temporada por 114 ptos na pasada. Cunha media de 22 ptos por xornada non hai ninguén que se lle acerque, polo momento. En canto ás demais puntuacións confirmar que son máis baixas en xeral que o ano pasado. Quizáis teña influído algo o non dar ptos por proximidade? Pode ser. O segundo clasificado desta temporada, Piru, cos seus 113 ptos, o ano pasado sería sexto. Tamén, vemos que as puntuacións do último posto de finalista desta temporada, o lugar 19 que ocupa Luís Camiña ten 72 ptos, cando o ano pasado esa mesma posición ocupábaa Charri con 67. Daquela, podemos dicir tamén que se comprime a distancia entre as puntuacións máis altas e as máis baixas. Tal vez, teña algo que ver o non dar ptos por proximidade? Pode ser.

 

Na Categoría feminina, Bego está máis forte que a temporada pasada e ten 18 ptos máis. Ao mesmo tempo, Adriana ten 20 ptos menos. Tamén, apréciase que a distancia entre a primeira clasificada e a última praza de finalista (10ª) reduciuse con relación á temporada pasada. A posición de Tania non é tanta sorpresa, xa que, a temporada pasada faltou a moitas xornadas, senón os seus números serían outros. Inés, Ana e Marisa, finalistas a temporada pasada están fóra dos postos, polo momento, e a bastante distancia. Mónica Padín está tendo un rendemento magnífico e ten 19 ptos máis que o ano pasado con 6 xornadas disputadas.

Na Categoría de Equipos, salientar que Corredoiras está intratable e ten 32 ptos máis que a temporada pasada. Deste xeito, que equipo pode facerlle fronte? Pois, Gharaboto, por suposto, xa que, o equipo de Marín ten 34 ptos máis que a temporada pasada. A pesar deste incremento de ptos, a distancia entre os dous equipos aínda é de 30 ptos, a favor do equipo de Bueu. Lúa de Forza baixou 47 ptos, o que significa que terá que defender esa terceira posición como obxectivo desta temporada. Armadiña consolida a cuarta praza conseguindo 22 ptos máis que a temporada pasada nesta mesma sexta xornada. Laxe de Rons experimentou un lixeiro aumento de 4 ptos, pero ganou dúas posicións na xeral e agora é quinto, sobre todo, debido ao baixo estado de forma de Rinoceronte (53 ptos menos que a temporada pasada) e de Valpaços Terra Quente (54 ptos menos que a temporada pasada). En definitiva, suben Corredoiras e Gharaboto, mantéñense Armadiña e Laxe de Rons e baixan escandalosamente Lúa de Forza, Rinoceronte e Valpaços Terra Quente.

 

En Equipos Féminas, Valpaços e Gharaboto están loitando outra vez polo título. Están empatados a ptos, cando a temporada pasada estaba VAL Féminas 11 ptos por enriba de GHA Féminas. COR Féminas ten 29 ptos máis que a temporada pasada, nótase a incorporación de Yu ao equipo. ARM Féminas mantén os números do ano pasado (2 ptos máis) e LÚA Féminas tamén (perde 5 ptos). LAX Féminas tivo un avance importante de 16 ptos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *