Luns, Outubro 7, 2024
Sin categoría

Gharaboto vence en Domaio aproveitando a ponte de difuntos e … a ponte de Rande

Na categoría Individual Absoluta, ganou Manolo Fariña, segundo foi Piru e terceiro Luís Gon, os tres de Gharaboto de Marín. Na categoría Feminina, ganou Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo, por diante de Mónica de Gharaboto e de Yu de Corredoiras de Bueu. En categoría Infantil foi primeiro Óscar Caldas de Armadiña de Poio, segundo Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Hugo de Gharaboto. Na categoría de Equipos foi primeiro o citado Gharaboto, segundo Campo da Feira e terceiro Corredoiras.

domaio rias baixas yudani monica 2019

Gharaboto deu un bocado importante á clasificación e agora xa pode soñar en loitar polo título de Conferencia. A xornada xogouse no pavillón de Domaio, unha superficie moi rápida o que significou que se superara a marca histórica LNB de varados nunha xornada. Agora, a nova marca quedou establecida en 54 varados. Destacar que un grupo de irredutibles palanadores do noroeste acercouse ata Moaña para probar sorte. Tiveron unha actuación salientable (algúns deles) e cos seus varados axudaron a chegar a esta cifra destacada. Sinalar que Collazo gardará para sempre na súa memoria este pavillón, xa que acadou o seu varado 100. Foi no seu primeiro golpe e está inmortalizado nun documento audiovisual.

Foron 77 persoas as que xogaron en Domaio. A combinación cromática da equipación que usou Gharaboto ante a ausencia do seu capitán Luís Camiña que é quen mantén a orde disciplinaria neste equipo anárquico non tivo incidencia negativa na actuación do equipo de Marín. No podio, Piru dixo con sinceridade, “ que ben xogamos cando non está Camiña”.

Tamén, houbo varios incidentes que xa detallaremos na crónica do luns. Por suposto, en algún deles estiveron implicados os palanadores do Noroeste. Desta vez non foi a cuadrilla coñecida como As Estrelas a que actuou sen lei, senón un novo integrante que aproveitou a Ponte, a de difuntos e a de Rande, para vir xogar a Domaio. Pero isto é tema para unha crónica máis extensa. Despois, está a actuación de Charri cando se veu obrigado a rebaixar varias billardas que excedían as dimensións regulamentarias. Finalmente, temos que reseñar un billardazo sobre un cranio humano. As consecuencias sobre a saúde psicolóxica deste desafortunado xogador, Cesar, son descoñecidas e imprevistas. Farase un seguimento clínico do bravo xogador Rino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *