Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeConferencia Noroeste

CRÓNICA da 4ª xor LNB NOROESTE Carballo

A cuarta xornada da LNB NOROESTE tivo varios acontecementos destacables. O primeiro, a resurrección de JUANCAR, quen, despois de pasar un mes e medio atravesando un deserto de desacertos e de dar máis pena que gloria, por fin, recuperou o golpe de palán. Tal era a preocupación da súa familia ante o estado desastroso de forma de Juancar que marcharon antes de rematar a xornada para non sentir lástima dun ídolo caído. Pois ben, o de Campo da Feira, renaceu das súas cinzas. Nin a plaga de mosquitos puido con el. Segundo foi Roi Rey e terceiro Viqueira.

O RESUCITADO, Juancar.

 

En segundo lugar, nunca mellor dito, Roi Rey supera a Serxio dos Xarutos, como o máis laureado palanador dos segundóns, ou sexa, xa é a quinta vez que queda segundo. Ningún outro xogador, que nunca ganara unha xornada, está á súa altura. Vai ser que as princesas que calza non saben reinar e confórmanse con princesear, detrás do monarca de vez.

Roi Rey moveuse coa axilidade das gacelas no Serengueti africano. As zapatillas princesa volven a demostrar o seu irresistible agarre. Iso si, nunca poderán reinar.

 

Terceiro, a actuación maxestuosa de MAC, que sacou da segunda praza da xeral a APB. Sobre todo, hai que resaltar a actuación dos antigos Cochiqueiros (Cerceda), Berdi e Viqueira. De todos os xeitos, teñen moito que explicar para xustificar a aparición no campo de Chorís dun grupo de mosquitos adestrados para alimentarse da pel de palanadores e palanadoras no momento do golpeo. O curioso é que esta bandada mosquiteira respectaba aos xogadores de MAC. O vídeo achega unhas imaxes meridianas para entender que isto non é xogo limpo.

VIQUEIRA sufriu un lixeiro mareo durante a xornada, seica pasou toda a noite en vela, pois os mosquitos non paraban de zoar no seu cuarto. Iso é o que pasa cando se ten tanto tempo sen alimentar a estes insectos, que adoecen. 

En categoría feminina, Marisa deu a sorpresa e levouse o trofeo. A xeral continúa encabezada por Lu.  En Infantil, Abel ganou e agora sitúase primeiro na xeral, por diante de Migui. En equipos, hai un cambio importante. Agora a segunda praza de FinaLNB ocúpaa MAC, 8 ptos por diante de APB. Na absoluta, Juanchi acercase ao segundo posto que ocupa Collazo e Xan segue líder. Os gran beneficiados desta xornada foron Berdi, Abel, Juancar e Óscar Ponte. Perxudicados, Kevin e Cotelo que caen do G-10. Ademais, en Campo da Feira, hai outros dous xogadores, Edu e Xulio, que necesitan tamén a resurrección, se queren entrar nas prazas de finalistas. Parece que non chega co tratamento psicoanalítico que están realizando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *