Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeConferencia Rías Baixas

XORNADA DE XIL

A xornada do sábado en Xil tivo varios protagonistas e unha única polémica, pero… vaia polémica! Imos empezar polo inicio. Unha expedición de norte acercouse ata o Salnés. Campo da Feira non aforrou en medios para chegar o mellor preparado posible ao terreo de xogo. Nas fotos de abaixo vemos os instantes previos de preparación, concentración e xuramento de fidelidade ao sangue dourado das Rías Baixas.

 

Despois, no campo algo fallou, xa que, os resultados non foron de todo satisfactorios. Haberá que revisar o fondo das cuncas por se aparecen restos dalgunha substancia incompatible coa actividade deportiva de elite.

A polémica da xornada protagonizouna Charri. Despois de analizar, revisar, repasar e sintetizar as imaxes da final gravadas polo sistema tecnolóxico e audiovisual da LNB, debemos afirmar que o segundo golpe de Luís Camiña quizás, ao mellor ou talvez  habería que repetilo, pois no momento de golpear o palanador de Marín, Charri estaba facendo un movemento de distracción, cousa totalmente prohibida polo regulamento LNB. De todos os xeitos, este comportamento xa é habitual no palanador de Corredoiras. Primeiro, usaba o flash da súa cámara para deslumbrar aos rivais no momento de golpear, pero, era moito gasto en pilas. Entón, agora decidiu usar o seu atractivo corpo para distraer aos rivais. Desta maneira, Charri móvese de forma sedutora ao lado dos xogadores contrarios para provocar a súa desconcentración. Un exemplo deste comportamento antideportivo tivémolo na final da xornada de Xil. Polo momento, Gharaboto non presentou ningunha reclamación, aínda que sabemos de boa fonte que están preparando unha carta aberta que comeza “Así non! …”.

Na foto de abaixo aparece o momento preciso no que Charri está en posición… regulamentaria? Cada quen que xulgue por si mesma, por si mesmo. Ademais, a transición completa dos feitos está no vídeo da xornada, daquela podedes vela unha e outra vez, para ter unha opinión máis fundamentada.

As puntuacións elevadas dos equipos resumen unha xornada en campos de asfalto e cemento e de dimensións reducidas. Os tres grandes das Rías Baixas souberon adaptarse a este tipo de superficies. A gran sorpresa foi a actuación de Laxe de Rons, o equipo do Grove acadou 70 ptos cun xogador nos 20 ptos, Chichí, e dous xogadores en 19 ptos, Gerardo e Martín, polo tanto, magnífica actuación. Gharaboto estivo intratable con 4 xogadores por enriba dos 20 ptos. Lúa de Forza soportou o empuxe do equipo marinense grazas á vitoria de Juanma e ao pleno de ptos que fixo Chicho na fase de grupos. E como non, cunha actuación estelar do Raio Verde, Xián. Corredoiras sentiu a mala xornada de Fari e Lito e as ausencias de Chefa e Outeiro, aínda así, acadou os 80 ptos.

Armadiña presentou un equipo baixo mínimos e defendeuse moi ben grazas á actuación excelente de Manu, 24 ptos, e á consistencia e regularidade de Cho, 19 ptos. Vixo e Elena Sabarís achegaron o resto dos ptos. Valpaços tivo a Alfonso como director dunha actuación coral con 4 xogador@s por enriba dos 12 ptos. Campo da Feira notou en exceso o pouco tempo de dixestión que tiveron despois de xantar na Taberna de Cancela. Rinoceronte presentou o equipo mínimo para puntuar, catro xogadores, e por enriba Cris tivo mal día, Che non veu o día e Daniel estivo á sombra do día. Só José Manuel Veleiro superou os 10 ptos.

En féminas, Valpaços Terra Quente recuperou o liderado e o equipo aínda ten moito marxe de mellora, pois Adriana está por debaixo dos seus números do ano pasado, bastante por debaixo e en calquera momento recuperará o golpeo preciso. Certo que Corredoiras notou moito a falta dunha das súas xogadores franquicia como é Chefa. Pero, a fichaxe de Bechi pode ser un punto e aparte na loita polo título. Veremos a evolución desta nova xogadora. Gharaboto é un equipo coral e ten moito fondo de armario, daquela, sempre vai ser candidato ao título. Despois, xa veñen equipos que non teñen, de momento, potencial para facer fronte aos tres trasatlánticos da categoría. Armadiña tivo moitas ausencias, Lúa non tivo máis que dúas xogadoras e Laxe unha.

Nas clasificacións individuais as cousas vanse definindo. Na Categoría feminina, Tania é a única que segue, bastante de lonxe, o paso firme de Bego cara a outro título de Conferencia. As demais comezaron cunha media de menos de 10 ptos por xornada. Na Individual Absoluta, Juanma e Ricar están cunha media por enriba dos 20 ptos por xornada e os demais xa están a case unha xornada de distancia en ptos. Os xogadores que están entre 70 e 60 ptos aínda terán cousas que dicir, pero o que está claro é Juanma e Ricar van ser dous candidatos ao título, os demais terán que mellorar moito nesta época de outono e inverno se queren estar preto deles.En Infantil, Óscar e Ainhoa faltaron á xornada e xa ven o Raio Verde a 3 ptos deles, polo tanto, como non acudan a todas as xornadas igual temos o ganador de Conferencia máis novo de todos os tempos. Veremos ata onde chega a luz verde do Raio Xián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *