Resultados da 2ª xornada da Conferencia Noroeste
A segunda xornada da Conferencia Noroeste estivo marcada por unha excelente participación, 43 persoas. Deste total, houbo 9 mulleres e 7 xogador@s en idade infantil. Unhas cifras moi por enriba da media de asistencia da temporada pasada e que confirman a magnífica saúde deste deporte tradicional na provincia da Coruña. Destacamos a presenza de 6 participantes que chegaron desde as Rías Baixas. Por enriba dos resultados deportivos queremos destacar o 21% de xogadoras de billarda que houbo nesta xornada. Tampouco queremos esquecer a cesta de uvas catalanas que trouxo Ladito como aperitivo para tod@ @s participantes. Algún xogador comeu demasiadas uvas sen esperar ao remate das carreiras e os efecto foron inmediatos no seu xogo. Como no caso de EGASA, quen nas dúas primeiras carreiras entrou en 3 e 4 golpes e nas tres últimas… non entrou. Seica o esfinter de Edu non aguantou o tránsito intestinal acelerado polo purgante do sulfato que usa Ladito.
No aspecto competitivo, Xan Rodiño de Lúa de Forza (Sanxenxo) repetiu o triunfo da primeira xornada, segundo foi Juancar Cancela de Campo da Feira (Paiosaco) e terceiro Lito Pena de Malpica-Cochiqueiros (Malpica-Cerceda). Na categoría Feminina, primeira foi Lu de Lúa de Forza, segunda Carmela de Malpica-Cochiqueiros e terceira Cruz de Campo da Feira. Na categoría Infantil, primeiro foi Migui Cancela de Campo da Feira, segundo Abel Ponte do mesmo equipo e terceiro Miklos de Filloas de Sangue (A Coruña). Por equipos ganou a xornada CAMPO DA FEIRA (Paiosaco), segundo foi LÚA DE FORZA (Sanxenxo) e terceiro MALPICA-COCHIQUEIROS (Malpica-Cerceda).
Nos vindeiros días analizaremos polo miúdo o que deu de si esta xornada de Eirís. O visionado sosegado dos vídeos e fotos da xornada poderán aclarar a xogada conflictiva do día na que o xuíz de campo X.P. se veu impotente para conter as protestas de varios xogadores de APB que se lle botaron enriba (metaforicamente falando) e, nunha dicisión salomónica que non contentou a ninguén, decidiu… ata aquí podemos narrar.
Continuará nos próximos días, a verdadeira historia da billarda que entrou sen entrar, ou que non entrou entrando. Billarda de Collazo sobre un varal mutilado previamente por un fogonazo de Juanchi.
Clasificacións