ABERTO DAS NOCES CASTROVERDE 15 set 2019 CRÓNICA
Castroverde é referente provincial por contar co único campo de billarda e agora tamén quedará na historia da LNB Norleste por ser a primeira vez que a participación supera os 70 inscritos. 71 xogador@s competiron en Castroverde. Superouse a marca histórica de 68 persoas que xogaran o Aberto de Lugo. Fantástico !
É unha ledicia que nazan crianzas en Galicia e, tamén, que xurdan novos equipos de billarda. Begonte xa conta co primeiro equipo de billarda, CASTIÑEIRO, que comezou con moita ilusión e poucas sesións de golpeo enriba.
Por outra beira, podemos dicir que aparecen brotes verdes en Chaínzos-Cadaval coa incursión de xente nova, cousa que lle asegura un relevo xeracional sen traumas. O equipo de Castro de Rei presentou 16 xogador@s no verde Castro. Ademais, convértese no equipo con máis mulleres da Conferencia e cun potencial enorme, unha vez que Vero, Delia e Vivi acumulen horas de adestramento físico e mental.
MADIA LEVA investiu para loitar polo podio da Categoría. Deste xeito, confía na cor azul pensamento da súa roupa deportiva como argumento sólido para amedrentar aos demais equipos, a pouco que miren cara a ela. Os efectos desta cor están sendo estudados na Universidade de Tras os Montes e Alto Douro polo departamento de Psicoloxía Evolutiva e Social.
REMOURELLE afrontará a travesía do deserto, pois, mentres os demais equipos se reforzan os Bulls están limitados polo tope salarial e non poden incorporar a ningún xogador máis. Están intentando rebaixar o salario de Flores e Xermán, as fichaxes estrela da temporada pasada e que non conseguiron os resultados que deles se esperaba. Daquela, o que lles queda é tirar da canteira.
CARABULLO non presentou o equipo completo debido ao compromiso internacional da LNB en Verona (Italia). É demasiado sospeitoso que o seleccionador Flores convocara a Irea, Noelia e Martín de Carabullo e a Kiko de Chaínzos para viaxar a Italia, cando para a Copa Cantábrica non convocara a ningún xogador da Terra Chá. Será que esta competición internacional coincidía con xornada de liga? Dará un trato de favor aos equipos da Mariña o bo de Manolo Flores?
BILLARDA VERDE confeccionou un equipo que pode loitar polas prazas de finalista LNB, e xa o acreditaron nesta xornada con 60 ptos. A incorporación de Sara, Manu e Leda, dálles unha profundidade de xogador@s que non tiñan, polo que, cando Ángel consiga amansar esa arma letal que ten no brazo dereito e lle apunte á billarda…
BILLARDEIROS MUSICAIS soubo facer unha transición doce para que a ausencia de grandes da billarda como Coedo e Juan non se note en exceso. Así, Paco e Felix aseguran ptos e a incorporación de Dori e a sección infantil afirman o relevo natural.
Finalmente, TROITAS BRAVAS presentou un equipo baixo mínimos, polas ausencias de Ramón, Manolo, Chinita, Maricarmen, Adrián Navallo, Roi, Carmen, etc., pero a presenza de Gutierrez nas bancadas fixo que o sexteto de Troitas sacara a braveza. As instrucións precisas, oportunas e acertadas de Guti, con muletas por unha lesión producida nunha caída de moto, levaron as billardas dereitiñas ao varal. Ademais, pensamos que algo tivo que ver nesta vitoria a suculenta prima por ganar que o máximo accionista da franquicia da Pontenova, Guti, ofreceu aos integrantes de Troitas, hidratación e nutrición na chamada 6ª carreira.
Albino ganoulle o Aberto a Sachas nun desempate agónico. Realmente foi agónico, pois era hora de ir xantar e os dous palanadores amenizaron ao público cunhas carreiras soporíferas, onde alternaron golpes ao aire con golpes raquíticos. E a agonía oíase nas tripas… houbo que esperar 3 carreiras e máis de 20 golpes para ter un ganador. Na carreira de desempate, Sachas, agotado polo desgaste físico e pola fractura das costelas, cedeu ante o de Ponte de Outeiro.
Salientar a presenza de xogadores e xogadoras das outras Conferencia LNB, Noroeste e Rías Baixas. Hai que ir preparándose para a FinaLNB 2020 e despois do dominio absoluto do Norleste, as outras Conferencias queren mirarse no espello da Conferencia Mai, en canto a material e a técnicas punteiras de golpeo de billarda.
Aquí vos queda o audiovisual, no cal queda claro e transparente quen manipulou o varal para que medira máis de 3,60 m. de ancho e por que o fixo. Tamén, queda palpable, obstensible e manifesto que alguén de Troitas… xa sabía antes de comezar que ganarían a xornada… cousa normal, xa que teñen un mago!
É moi fácil facer previsións de futuro e equivocarse, pero para o MAGO DE CASTROPOL, adivinar o fúturo é a cousa máis simple e doada. Aquí quixo deixar o seu prognóstico visionario de cara a esta temporada…
BILLARDEIROS E CARABULLO, opcións teñen moitas,
pero, este ano o título lévao TROITAS