Crónica da 1ª xornada da Conferencia Norleste
A Conferencia Mai da LNB abreu a porta. Grande acerto o de disputar esta xornada en horario dominical matutino, pois, deste xeito, os equipos puideron gozar da sexta carreira. Se o rugbi ten o seu terceiro tempo, a billarda ten a sexta carreira. Carreira que se celebrou na carballeira de Castroverde arredor de mesas cheas de bebidas enerxetizantes e afrodisíacas para recuperar as sales minerais perdidas no esforzo billardeiro e de racións de polbo á feira, que achegaron os oligoelementos esenciais que o metabolismo celular dunha palanadora precisa, despois dun esforzo físico de tres horas. En fin, se se puntuase esta sexta carreira as clasificacións non variarían apenas, debido a que o equipo das Troitas volveu dominar esta sexta e última carreira con solvencia manifesta, tanto na hidratación como na dixestión.
Magnífica participación de 71 persoas. Ademais, entre estes competidores houbo 16 mulleres e media ducia de nenas e nenos. Este dato alégranos sobre maneira, xa que, indica que non hai quen pare este movemento asociativo e autoxestionado chamado LNB. Máis de 10 dos competidores e competidoras desta xornada son novos e novas practicantes da billarda, pois non xogaran a temporada pasada. Todos estes datos confirman que o traballo de divulgación e fomento da práctica da billarda que os equipos da LNB Norleste están facendo vai por bo camiño.
En canto ao aspecto competitivo, diremos que Albino Mon de Carabullo segue reinando en Castroverde, pois xa ganara a primeira xornada da temporada pasada neste mesmo escenario. Segundo foi Sachas, a pesar de non estar ao cento por cento a causa dunha lesión costelar. Terceiro foi Juancar do equipo de Paiosaco, Campo da Feira. Na categoría feminina, Geni de Billardeiros Musicais foi primeira, segunda Sara de Madia Leva, e terceira Merche de APB da Laracha. Na categoría de equipos ganou Troitas Bravas da Pontenova, segundo foi Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e terceiro Billardeiros Musicais de Ribadeo.
Nos vindeiros días publicaremos o audiovisual da xornada xunto cunha crónica máis exhaustiva, pois, houbo tantos acontecementos salientables e polémicos que hai que analizar polo miúdo todo o material fotográfico e audiovisual. Amais, o comité de competición está recollendo información, ante a reclamación de repetición da xornada, pois, seica o ancho dun dos varias excedía as dimensións regulamentarias. O pouco que sabemos sobre este asunto fainos pensar nunha sabotaxe. Gude mediu a distancia entre as varas do varal correctamente antes de comezar, pero, misteriosamente ao finalizar medía case dous paláns máis do permitido. Hai fundadas sospeitas que un Bull estivo argallando nas bases do varal… pero, só é unha hipótese sen demostrar. Outra posibilidade que se barallaba ao final é que o terreo se fose movendo, pois é ben coñecida a falla tectónica sobre a que está Castroverde. Polo tanto, ante a falta de fiabilidade da causa verdadeira desta irregularidade, estase mirando todo o material gravado nese campo, por se nalgunha imaxe se pode apreciar o movemento telúrico ou o movemento manual humano do varal.
Clasificacións