Mércores, Decembro 11, 2024
Actualidade

II Aberto de billarda de Manzaneda

Esta semana Ourense está a ser o epicentro da billarda. Se o 16 e 17 de Agosto o protagonismo estivo no concello de San Xoán de Río, onde se xogaron dous abertos, desta vez será o concello de Manzaneda onde se disputará un novo torneo de billarda. O xoves 22 de Agosto ás 17h terá lugar o II Aberto de Billarda de Manzaneda.

Sen dúbida todos os focos estarán na Marea Verde de Manzaneda, un equipo composto totalmente por rapazas e rapaces, que conta coa media da idade máis baixa de toda a competición. O obxectivo da Marea Verde é recuperar o título que se escapou o ano pasado, que foi parar a mans de Manolo Fariña, xogador de Gharaboto, un dos equipos coa media de idade máis alta da Liga Nacional de Billarda. Podedes ler a crónica da pasada edición facendo click aquí.

Nos abertos da semana pasada en San Xoán de Río, os membros da Marea Verde demostraron que seu nivel de xogo é moi superior a cando deron os seus primeiros golpes na primeira edición do torneo. Proba disto é o seguinte vídeo onde podemos ver algunhas das súas actuacións nos abertos da fin de semana pasada.

A victoria de Pablo e o segundo posto de Eric no Aberto do Castiñeiro en San Xoán de Río supón unha gran motivación para a rapazada da Marea Verde, mais terán que competir con outra xente con experiencia na LNB. Agárdase a presenza de Chemi, gañador no sábado pasado do II Aberto de San Xoán de Río e María Caride, xogadora de Gharaboto que foi segunda no aberto de Río e semifinalista no torneo do Castiñeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *