Martes, Decembro 10, 2024
Actualidade

CRÓNICA DE BEGONTE Aberto de Billarda Festival 27373

 

     Multitudinario Aberto de Billarda en Begonte. 70 persoas anotadas para o Aberto que se desenvolveu nun dos festival referencia en Galicia, o  Festival 27373. Con representación das tres conferencias e un nivel extraordinario de competidor@s, acubillábase un verde prado, magnífico para a práctica da billarda, baixo as sombras dos castiñeiros milenarios de Begonte. Así, estiveron xogando unha Tricampioa LNB, Geni, dous Bicampións LNB, Otero e Daniel Rguez. e un Campión LNB, Chousa. De todos os xeitos, onde estea unha cervexa artesá as forzas equilíbranse.
       Catro grupos de case 20 persoas. Uns oitavos de final cun duelo Otero-Chousa. Uns cuartos nos que sorprendeu a presenza de Ana, nova fichaxe de Madia Leva. As semifinais foron entre Chousa e Bonxe, por un lado, e Ismael contra Luís, polo outro. Ou sexa, un dobre enfrontamento Carabullo Chaínzos-Cadaval. A política de fichaxes que se está a vivir na Chaira non ten comparación coa moderada tensión entre Hong-Kong e China. Deste xeito, os dous xogadores que foron convencidos para fichar por CHA (a altas horas da madrugada nun lugar de ocio nocturno de Castro de Rei) foron derrotados polos dous xogadores de Carabullo.
      A final estaba preparada para que Ismael (terceiro ano consecutivo que vence neste Aberto) acadara a vitoria. A primeira carreira ganouna Chousa en dous golpes. Repúxose Ismael e fixo o mesmo na segunda e na terceira carreira (desempate). Desta maneira, o pontino levouse os agasallos que preparou a Asociación Castiñeiro Milenario. Mais, a nova máis leda que nos chegou desde Begonte foi a da futura creación dun equipo neste concello para competir na LNB NORLESTE 2019-2020.
CHOUSA
“ISMAEL, confirma que non ten rival
cando hai Aberto de billarda nun festival”.

 

2º-CHOUSA        1º-ISMAEL        3º-BONXE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *