Venres, Febreiro 7, 2025
Sin categoría

Últimas xornadas NORLESTE e RÍAS BAIXAS … e FinaLNB 2019

       A iso das 15:30 h. o ceo choraba sobre Remourelle e ninguén soubo interpretar estas bágoas. Pasadas as 18 h., todo quedou meridiano. As nubes que trouxeran a auga a Remourelle proviñan da Terra Chá. Carabullo tivo que deixar o título en terras da Mariña, a pesar dunha actuación moi boa, 80 ptos. O que pasou é que BMU tivo os instrumentos moi afinados. Ademais, a pista de Remourelle é un lugar moi axeitado para o golpeo musical. Pensamos que a clave… de pouco SOL, estivo nas puntuacións de Franco e Miguel. En definitiva, unha pugna fantástica ata a última carreira. Billardeiros Musicais logran o Título LNB NORLESTE 2018-2019 unha novena vez máis. 
      Na Individual Absoluta, Manu Pozo estivo soberbio de principio a final da xornada. Despois de ser segundo a temporada pasada, Manu, consegue o Título. A constancia e fiabilidade do seu golpe mantívoo sempre nun segundo plano, esperando o momento axeitado para dar o sorpasso, sen apurarse, a paso de cabalo andaluz. E que mellor momento para subir ao máis alto que despois da última carreira, da última xornada ! A Conferencia Norleste é berce de xogadores nacidos na diáspora (no 2011 foi Guille, quen coa súa samba alzou o Título de Conferencia), pero que teñen corazón galego. Agora, no 2019, é Manu Pozo quen ten o honor de levantar o trofeo (nacido accidentalmente en Andalucía) e, ao mesmo tempo, gana o dereito a solicitar a nacionalidade galega. Non sabemos se o fará, pois un dos seus soños é formar parte da Selección Andaluza de Billarda.
       En Varados, Santi revalida Título. En Feminas, xa estaba decidido o triunfo para Geni e en Infantil é Manu Caldeiro quen, tamén, rivalida título. En fin, @s mesm@s campións do ano pasado en todas as categorías menos na Individual Absoluta, na que Manu Pozo dou a sorpresa. 

CONFERENCIA RÍAS BAIXAS
      A Conferencia Rías Baixas tiña pouco en xogo, se acaso, as últimas prazas de finalista nas clasificacións individuais. O terreo de herba da Escola Naval Militar de Marín estaba magnífico para xogar, mais o vento xogou coas billardas ao seu antollo e non se viron grandes golpes. A vitoria foi para Xan Rodiño, seguido de Cho e Taxeiro. 

        Mañá, xa ninguén se acordará do acontecido en Remourelle, nin en Marín, porque… todas e todos empezarán a pensar na xornada electoral do 26 de maio, na xornada na que a LNB elixe, como cada ano, o COROCEIRO NACIONAL. 


Ti por quen votas?

    Para que teñades máis información antes de emitir a vosa predición ollade os vídeos de presentación das candidatas e candidatos á COROZA LNB. Cada Conferencia fai a súa presentación por separado. 

       A Conferencia Rías Baixas, como gran triunfadora na FinaLNB 2018 non quere mostrar as súas cartas e non nos enviaron o vídeo promocional de xogadores e xogadoras clasificados, non obstante, encontramos en youtube un vídeo clandestino. Daquela, pinchade nas seguintes palabras subraiadas e veredes o audiovisual elixid@s das Rías Baixas para a gloria da FinaLNB 2019

      As compañeiras e compañeiros do Noroeste si nos fixeron chegar o seu vídeo motivacional, envolto nunha música épica… esperemos que non se torne dramática. Din que este ano si, si queremos! Vai sendo hora que algún Título LNB colla a estrada Compostela-A Coruña a iso das 20 h. do domingo 26 de maio. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *