CRÓNICA LNB Norleste 12 xornada e Rías Baixas 17 xornada
CONFERENCIA NORLESTE
Na Ponte de Outeiro pasaron bastantes cousas tan surrealistas como para ter que explicalas do xeito menos próximo á realidade posible. Non sen antes, anunciar como quedaron os ptos nesta penúltima xornada Norleste. En resume, Juanca paseouse sobre a herba asfaltada da Ponte e mete medo ao Coroceiro. Billardeiros deixou sen respiración a Carabullo e xa non regresou a Ribadeo, senón que o equipo musical instalou o seu campamento base en Remourelle esperando pola última xornada. Bea confirma o seu talento para xogar billarda, agora falta que a dirección técnica de TRA faga un esforzo económico e lle facilite ese vehículo que ela tanto precisa para poder asistir a todas as xornadas.
Chegou desde o Noroeste unha expedición de xogador@s coa saudable intención de medir forzas a menos dun mes da FinaLNB 2019. A verdade é que non tiveron unha grande actuación a excepción dos Cancela. Semella que ao non acudir acompañados por Edu, como fixeran as veces anteriores que se desprazaron, o maior dos Cancela, Juanca, xogou coma nunca e o menor dos Cancela, Miguel, asombrou á concorrencia. Miguel ten 10 anos, vive en Soandres, A Laracha, e é un dos talentos actuais da categoría infantil. Empezou con 8 anos e medio e en ano e medio xa está entre os candidatos ao Título LNB Infantil, sempre respectando a Manu Caldeiro, Óscar Caldas e Abel Ponte, quen por idade deberían superar a Miguel, mais na billarda case todo é posible. Daquela, espéranos unha final fantástica o 26 de maio.
Manu Pozo tivo unha fenomenal actuación, igual que Miguel Morán, os dous con 23 ptos. No desempate, o de BMU fíxose co segundo posto. O seleccionador Manolo Flores estivo presente na Ponte de Outeiro e fixo entrega dos magníficos trofeos en madeira e das árbores que devolverán a Galicia o seu aspecto boscoso primixenio.
O Murimar non é unha marca de empresa que comercializa pescado, non, é o nome co que se coñece o mundialmente admirado marcardor de Muriego. Desta vez, inmortalizou sobre fondo de materia escura o planeta terra, que escapa de especuladores que a queren vender. Ademais, o Da Vinci de Tapia, descúbrenos ao final do vídeo da xornada, o seu taller (en fotos) e o secreto do seu don artístico (cunha frase demoledora).
Unha vez sumados os ptos, non queda máis que sacar billete para acudir o 18 de maio a Remourelle, pois, non se lembra outra igual no Norleste. É a primeira vez que na última xornada decídense os Campións en Equipos, Absoluta e Varados cunha marxe tan pequena entre os candidatos, 3 ptos na Categoría de Equipos e empatadas as outras dúas categorías. A única categoría que está practicamente decidida é a Feminina, na cal Geni rererere…validará título, salvo milagre Paulísta.
Deste xeito, na Individual Absoluta, Daniel e Manu Pozo están empatados a ptos coa vantaxe para Daniel por ter unha vitoria nunha xornada. Pensamos que Chousa e Sachas non teñen posibilidades, pois os primeiros clasificados van ir todos ao mesmo grupo, polo tanto, non lles vai dar para reducir 13 ptos cos Billardeiros. En canto ás prazas de finalista, está case todo vendido, xa que, Muriego, Noé e Franco están a 14 ptos de Geni, quen ocupa a última praza, e parecería pouco prudente apostar a que Geni non fixese 12 ptos, co cal obrigaría a eles tres a facer o pleno, cousa que nunca conseguiron. De todas as maneiras, é importante a orde desas prazas de primeiro, segundo e terceiro reserva, pois, o día da FinaLNB é xornada electoral e pode ser que algún dos clasificados non poida acudir a Compostela. Na Individual Feminina as catro prazas están bastante definidas e só Ana tería mínimas posibilidades matemáticas de alcanzar a Lorena.
Na categoría de equipos Carabullo, que encabezou a xeral desde a segunda xornada empeza a mostrar debilidade. Pero, desde a súa secretaría técnica asegúrannos que todo está planificado. Tiveron que sufrir durante meses a ausencia de grandes xogadores que xa recuperaron na xornada da Ponte de Outeiro e que os van utilizar para conquistar o título en Remourelle por vez primeira, e saldar así a débeda histórica da billarda coa Terra Chá. Ningún equipo, fóra da Mariña, foi campión LNB Norleste.
Se o desembarco de Normandía foi coñecido polo día D, se un dos maiores espías alcumábase CHACAL, se O GRECO agochaba o nome de Doménicos Theotokópoulus, a táctica a empregar en Remourelle por CAR xa ten nome en clave, TRIMORÁN. “Para remontar o Maurili, nin Catamarán, nin Trimarán, nos asaltaremos a taberna de Lola subidos a un TRIMORÁN (Miguel, Javi e Dani)”, estas son as palabras dun whatsApp descifrado do teléfono móbil de Ismael García.
Neste vídeo podedes ver as condicións que preparou Carabullo para o Aberto da Ponte de Outeiro. Pretendían dar o golpe definitivo, pero… Nin o vento que zoaba cando saltaban as billardas dos equipos rivais, nin as árbores que estendían os seús brazos para impedir o voo desas mesmas billardas, nin os tractores co seu ruído atronador… en fin. Vós mesmas, vós mesmos podedes comprobalo no audiovisual seguinte.
CONFERENCIA RÍAS BAIXAS
Aos pés do Castelo de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) o Coroceiro venceu ás tropas Irmandiñas que pretendían arrebatarlle a Coroza. Ademais, no vídeo da xornada, poderedes ler as súas ameazas que deixa contra quen pretenda sacarlle a prenda do lombo. Seica a súa candidatura é a mellor das que se presentarán o 26 de maio no Castiñeiro de Compostela. Máis alá do triunfo inapelable de Che, despois dunha fase de grupos regular, podemos destacar a vitoria de Lúa de Forza en Equipos, a de Adriana en Feminina e a de Hugo en Infantil.
Una vez sumados os ptos, xa temos Campión Absoluto da LNB Rías Baixas 2018-2019. Xan Rodiño revalida título. As outras dúas prazas de podio tamén están definidas e serán para Ricar e Juanma. Como Ricar ten 18 ptos máis que o de Lúa de Forza, o de Bueu será de novo segundo e Juanma cunha terceira praza, consolídase na súa primeira temporada fóra da Categoría Infantil. Piru non subirá ao podio esta temporada e deberá loitar co seu compañeiro Luís Camiña por esa cuarta praza que dá dereito a ser cabeza de serie no sorteo dos grupos da FinaLNB.
En Féminas Adriana superou a Bego, quen tivo un problema de saúde e non puido xogar. Agora, a de Vigo supera a Bego por 5 ptos. Con todos os títulos decididos, agora o que se antolla emocionante son as prazas de finalista, tanto na Individual feminina como na Individual Absoluta, pois, ao coincidir o día da FinaLNB coas eleccións municipais e europeas pode xurdir calquera imprevisto a algún e algunha dos clasificados. Polo tanto, esas prazas de suplentes van ter o seu valor.
Vídeo da xornada