Xoves, Abril 25, 2024
Sin categoría

CRONICOM da fin de semana… NORLESTE e RÍAS BAIXAS

       A sabana de Bretoña foi unha trampa que reduciu a mobilidade dos corpos menos áxiles. Deste xeito, o equipo máis dotado de capacidade anaeróbica e preparado para soportar as temperaturas máis cálidas volveu a saír vitorioso. Certo que Carabullo, antes de xogar en Bretoña, tivo que sacar en procesión a santa pola que máis devoción sente o equipo de Outeiro, e quizais esta axudou a conseguir ese magnífico resultado, que mantén ao equipo da Chaira no número 1 da clasificación.
     Debemos destacar que Flores, Manolito, cumpriu 100 partidas de billarda na LNB. As compañeiras e compañeiros do Norleste fixéronlle un emotivo acto. Grazas Flores por compartir tantas tardes de billarda con nós.
      Por outra beira, a competición está preto do final e os equipos fan encaixe para reforzarse en busca de acadar os seus obxectivos. Se fai dúas xornadas fóra Billardeiros quen incorporara a Paco, nesta xornada Troitas probou a Chas, Tacón, Agus e Dani. Non obstante, o equipo que acertou coa súa incorporación foi Carabullo, pois, o equipo pontino conseguiu traer de Suiza a Tomás (campión nacional de Varados 2018) para afrontar as últimas xornadas con garantías de éxito. Despois de recaudar nun crowdfunding os 5 mil euros para fletar a avioneta particular que trouxo a Tomás, o xogador soubo estar á altura. Ademais, Tomás non estivo inactivo no seu retiro cantonés, senón que acudía todas as semanas á Academia de Roger Federer para mellorar o levantamento de billarda e o mate de dereita. Daquela, vén disposto a ser o primeiro palanador que repite título de Varados na Finais LNB do 26 de maio.












         Agora as clasificacións quedan de tal xeito que… Quen vai perderse as dúas últimas xornadas? En equipos, son 10 ptos os que distancian aos dous candidatos. O líder Carabullo está dominando a xeral desde a segunda xornada, pero non se dá distanciado de BMU, polo tanto, teremos incertidume ata Remourelle. A táboa Individual Absoluta dou un chimpo e Daniel volve ao máis alto, relegando a Chousa ao terceiro posto. Manu Pozo sitúase en segunda posición a 3 ptos do seu compañeiro de equipo. Agora, os dous xogadores de BMU encabezan a táboa, seguidos dos dous de CAR, Chousa e Albino, e dos dous de TRA, Sachas e Regueiro. Na Categoría Feminina, Geni ten o título na man. Avantaxa en 20 ptos a Paula, polo tanto… Outro título para a bicampioa Nacional.
        Se queredes ver o que sucedeu en Bretoña votádelle un ollo ás imaxes que nos enviaron desde a delegación de TDLNB en Lugo (excelente traballo da nosa reporteira de vídeo… Tanto estivo pendente de gravar que se esqueceu de puntuar. Grazas Lore polo teu sacrificio).




CONFERENCIA RÍAS BAIXAS

       

     O grande triunfador da tarde do sábado en Cambados foi “O psicoanalista da billarda“, Paco Vidal. O do Grove soubo usar os recursos da psicoloxía para ir superando un tras outro a todos os rivais. Non sabemos se está emparentado co outro sensacional palanador de Chaínzos-Cadaval, Pepe Vidal, pero trataremos de indagar sobre o asunto.
     90 persoas ocuparon o chan de pedra da Praza de Fefiñáns, mentres turistas vidos de todos os currunchos do estado e doutros lugares de Europa observaban, desde detrás das vallas de perímetro, con asombro na mirada, un espectáculo formidable que non esquecerán. De novo a LNB consigue un impacto brutal na sociedade coa exposición deste deporte marabilloso nun dos lugares máis turísticos do Salnés e nunha das datas con máis afluencia de visitantes.
       Salientar, tamén que unha expedición de palanadoras e palanadores do Noroeste adornou coa súa presenza a tarde e o Pazo de Fefiñáns. Ademais de visitar a casa de Ramón Cabanillas e de asegurarse un xantar con produtos da ría e do viñedo, tiveron unha boa actuación, aínda que só Abel subiu ao segundo chanzo da Categoría Infantil. Non levaron máis trofeos, pero si estiveron 5 dos seus xogadores entre as mellores 15 puntuacións da xornada. Gándara foi quen máis puntos conseguiu xunto con Luís Camiña, o que sucede é que o sistema de cruces das Rías Baixas é moi esixente e Gándara quedou eliminado no primeiro cruce a tres. En fin, están preparando o terreo para as finais LNB de maio, entón, non quixeron mostrar todas as súas armas… Ben feito!

       Para quen queira saber por que se deron, en xeral, tan baixas puntuacións que observe a dificultade do terreo de xogo nesta montaxe audiovisual, onde tamén encontrará as causas que impediron aos visitantes do Noroeste acadar algún podio en categoría senior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *