DÍA DAS ESTRELAS 2019 A Pontenova. Documentos audiovisuais inéditos
Televaral foi o medio audiovisual pioneiro na aventura marabillosa de ensinarlle ao mundo que a billarda seguía viva en Galicia. TodoLNB asume, tamén, o compromiso de normalizar esta actividade deportivo-lúdica-cultural ofrecendo imaxes gráficas e audiovisuais tan espectaculares como as de calquera outro deporte institucionalizado. A billarda é practicada por deportist@s de todas as idades e que mostran unhas habilidades dignas de ser admiradas. Non falta moito para que se televise en directo o primeiro aberto de billarda, pero, mentres tanto, gozade dalgúns golpes impresionantes e outros menos impresionantes que se puideron ver na Pontenova.
Xa está aquí o documento audiovisual que estaba retido no despacho do comité de disciplina da LNB, despois de que a xuíza única deste comité actuara de oficio ante varias xogadas de dubidosa interpretación.
Que cada quen tire as súas propias conclusións. Na primeira das xogadas, varado de Edu, a situación do xuíz de campo é a tradicional, detrás do palanador. Na segunda xogada, varado de Muriego, a situación do xuíz de campo é a que establece o novo protocolo do VER, en media pista e observando directamente ao varal para ver se o sinal luminoso se acende ou non.
Por outra beira, tamén podemos publicar o documento audiovisual no cal un representante da Conferencia Noroeste se dirixe á mesa da organización, durante a comida, para preguntar de maneira pouco axeitada, por que se anulara o concurso 3 x 3. O seu enfado estaba fundamentado no esforzo e sacrificio de adestrar durante os dous últimos meses para afrontar este concurso. Segundo el, EGASA, o trío que tiñan preparado era invencible. Daquela, reclamaba o trofeo para o seu equipo 3 x 3 ou unha indemnización conforme ao agravio recibido.
Para que un acontecemento destas dimensións poida realizarse precisa a cooperación e coordinación de moitas persoas que ofrecen o seu tempo, a súa dedicación, a súa alegría, o seu entusiasmo e o seu bo facer. Daquela, queremos mostrar o recoñecemento de todas nós, de todos nós e de todas aquelas galegas e galegos de ben que levan a billarda no corazón e na memoria.
TOÑO-ÓSCAR-CHINITA-CARME-AGUS-DAVID NAVALLO-REGUEIRO-SANDRA-SACHAS-SANDONGUERO-MANOLO-GUTIERREZ-MARI CARMEN-MARINA-BEA |
NOÉ-CHINITA-BEA-GUTIERREZ-AGUS-MARI CARMEN-MANOLO-CARME-REGUEIRO TOÑO-RAMÓN-SACHAS-SANDRA-MARCOS-ROI-DAVID NAVALLO-ÓSCAR |
AGUS MARINA ANA |
Nesta ocasión, este recoñecemento vai para Troitas Bravas, vai para Toño, Noé, Chinita, Óscar, Carme, Agus, David Navallo, Regueiro, Sandra, Sachas, Sandonguero, Manolo, Gutierrez, Mari Carmen, Marina, Bea, Ramón e Ana, vai tamén para Ismael, Daniel, Muriego e Krolo (artesán da madeira que fixo os fabulosos trofeos) quen sen ser de Troitas Bravas colaboraron para que este evento se desenvolvera de xeito sensacional.
BILLARDA SEMPRE !