Venres, Marzo 29, 2024
Sin categoría

NORLESTE Crónica 8 xornada MEIRA

        O Lacón meirense foise camiño de Ribadeo, como xa sucedera o ano pasado. Seica o marrán de Meira é moi aseado e, ademais, gusta de dar longos paseos pola praia. O certo é que todo se decidiu nun desempate a 3 carreiras entre Markytos, Manolo e Charly. Con gran respecto, tanto Manolo como Charly, deixaron que o Tricampión LNB levara a proteína de cortello que tanto necesitaba. Markytos tivo unha tarde sensacional con 3 varados na fase de grupos e algún máis no desempate final. En definitiva, empeza a marcar territorio de cara ás Finais LNB 2019.
       Sensacional o rendemento de Manolo, un palanador fichado pola franquicia troiteira no 2013 e que sempre foi un xogador promesa… un xogador promesa incumprida! Pois, nunca estivera á altura do seu potencial. “Xa era hora de que empezáramos a rendibilizar o que investimos na formación de Manolo. Foron moitas pasantías as que lle pagamos para que aprendera o regulamento LNB. Ademais do gasto na súa alimentación…, que non é de fácil fartura o individuo”, afirmaba, moi contento, Regueiro ao finalizar a xornada.
       Charly non soubo ata o final que a súa vitoria era fundamental para o seu equipo, xa que, houbo empate a ptos entre BMU e CAR. Así, desta vez o empate entre os dous primeiros equipos decidiuse para o equipo de Ribadeo porque Markytos foi o ganador da xornada. De ser Charly quen ganase, o triunfo en Equipos iría para Carabullo. Unha pena para o equipo outeiriño. É tal a igualdade entre os catro primeiros equipos que nas 3 últimas xornadas houbo empate entre dous equipos e para decidir o ganador houbo que acudir á posición do mellor palanador deses equipos empatados. 

         As Clasificacións Individuais continúan encabezadas por Daniel e Geni. Na Individual Absoluta, Daniel mantivo a distancia con Albino, pero todos os demais perseguidores do podio puntuaron máis que eles dous. Daquela, Manu Pozo sitúase a 5 ptos de Daniel e Albino mantense a 6 ptos. Chousa empatou con Albino e Sachas sitúase a un pto dos de Carabullo. Regueiro está a 6 ptos da última posición de Podio e ollo que o internacional Ismael xa colleu velocidade para encarar as últimas 5 xornadas con todas as opcións de podio intactas, e quen sabe se o de Ponte de Outeiro non estara pensando en buscar o Título. O certo é que son 15 ptos os que o separan do líder. Noé, Pepe Outeiro e Charly serían os últimos candidados ao podio e quen sabe se ao Título. Os demais, pensamos que están demasiado lonxe. 
      As prazas de Finalista LNB cérraas David Navallo, con Jorge e Paula a un só pto. Iván Alonso, Rubén, Franco, Muriego, Manolo, Coedo, Santi e Milio están dentro do grupo de palanadores cuxa distancia máxima é de 15 ptos, con relación a esa última praza. Polo tanto, estarían en tempo e forma para intentar sacar billete para a Final LNB 2019.
       Na categoría feminina, Geni e Paula manteñen o pulso, xa que a palanadora de CHA está a 8 ptos da gran campioa de BMU. Por detrás, Sara defende a terceira posición ante o empuxe de Lorena. Agora, a distancia entre as dúas é de 11 ptos a favor da de POL. Lola Eiras continúa a súa persecución desta última cuarta praza que daría pasaporte para a Final LNB Feminina. Lugar que non ocupa por ter faltado a 3 xornadas, pois a súa media de ptos nas xornadas disputadas situaríana dentro das elixidas para a gloria billardeira. 
        Outra cousa merecedora de eloxio é o sistema de adestramento de Troitas Brazas na súa sección feminina. As xogadoras de Troitas están experimentando os efectos positivos das técnicas de adestramento que importou Sachas da súa viaxe a USA para contratar a Brandón. A mellora no xogo de Mari Carmen e Sandra é espectacular. Varios factores contribuíron a este paso adiante das féminas troiteiras, entre os cales non podemos esquecer as sesións de coaching nocturno dirixidas por Noé que unha vez por semana realiza o equipo. 

      Un momento moi emotivo e cercano ao sensual foi cando Villarino e Daniel subiron a recoller un agasallo da LNB en recoñecemento ao seu compromiso co xogo da billarda. Este compromiso demóstrano xogando desde hai moitos anos por todo o territorio galego. Isto fixo que Villarino cumprira a súa xornada número 100 na LNB. Daniel está máis viaxado e cumpriu 200 xornadas LNB. En fin, o momento case sexual foi cando os dous se fundiron nun abrazo rematado con bico labial, ante o clamor popular de “Que se biquen, que se biquen!” 
Grandes VILLARINO e DANIEL!!
Suso Villarino e Daniel R. Saavedra
     Salientar a asistencia a esta xornada de Meira de xogadores do Noroeste e das Rías Baixas. O máis cerca que estiveron de ter unha actuación decente foi no momento da entrega de premios, cando varios destes xogadores intentaron secuestrar algúnha das patas do cocho. Na foto de abaixo vemos como algún deses palanadores viaxeiros aproveitan a confusión para ocupar posicións de podio… a ver se caía algo!! 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *