Venres, Abril 19, 2024
Protagonistas

TODOLNB fala con … Eduardo García Santiago

       Home
de poucas, pero, firmes conviccións, fiel e incansable defensor
dunha terra e dun xeito rural de entender o mundo. Infatigable
loitador nas causas xustas e solidario coas persoas que o precisan,
este é Eduardo García Santiago. Un galego nacido na diáspora e que
chegou ao mundo LNB desde Paiosaco, lugar coa maior densidade de
palanadores da provincia da Coruña. Unha persoa que se fai querer
sen el querelo… ou querendo, vai ti a saber? 
      O certo é que a súa
presenza nutre de alegría ao grupo e sen el non se entendería unha
mañá de billarda na Conferencia Noroeste. O seu dominante músculo
dialéctico fai a ledicia de pequenas e pequenos, farta a algún
anarquista de Gabenlle e, sobre todo, desarma aos rivais.
En definitiva, aglutina as
mellores calidades do noso caracter galego e achega esa melancolía traíada da diáspora que lle
dá un único e inconfundible pouso de cordialidade e tristura.

        Comezou
de xeito dubitativo a súa relación afectiva coa billarda. Deste
xeito, durante as dúas primeiras temporadas estivo nun segundo plano
competitivo, pois non lle daba encontrado o aquel a esta ferramenta
de xogo tan sofisticada. Mais, todo trocou no Temple, en abril de
2017. Segundo el confirma, veu a luz ao final do tunel cando varios
palanadores das Rías Baixas participaron na xornada 9ª, do 2 de
abril de 2017, no Temple, Cambre. Aquel día puido ver en directo o
estilo espectacular, á vez que efectivo, destes palanadores e a
partir de entón, o de Paisaco cambiou a súa técnica de golpeo. A
temporada seguinte xa rematou no podio da Conferencia (3º posto) e
ganou a súa primeira xornada LNB. Esta temporada mantense no podio
da xeral e o único motivo polo cal non se vé como aspirante ao
título é por acatar as ordes do seu xefe de equipo, o anarquista xa
mencionado.
        Edu participa en toda actividade cultural, musical, gastronómica, deportiva, laboral e intelectual que pode. Sempre manifesta a seu amor pola terra e un máximo respecto a quen opina diferente a el. Na súa ansia por normalizar a práctica da billarda, involucrouse na liña estratéxica de chegar ao medios de comunicación, para que estes servan de altofalantes que espallen o son dos golpes da madeira contra a madeira por todo o país. O certo é que desde que Edu se encarga do gabinete de comunicación da Conferencia Noroeste a presenza da LNB nos medios é constante. 

Nome
e apelidos
: Eduardo García Santiago
Lugar
e data de nacemento
: Lugano(Suiza), 1967-05-07.
Lugar
de residencia
: Paiosaco
Ano
de debut
: 2015
Equipo
actual
: Campo da Feira
-Cando
e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
   
Foi en Caion. Levoume Xulio
Ponte e probei, despois tiven dúas tempadas a trompicóns, nin
estiven centrado, nin motivado debido a problemas cotidiáns.
-Que
accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á
poboación escolarizada?
   
Daría a coñecer a billarda
nos colexios, pero, temos un inconveniente hoxe en día, e pasa co
futbol e cos demais deportes, os nenos e as nenas teñen na súa
testa o móvil e a play. Ou facemos un xogo da billarda para play ou
vai ser moi difícil. Outra acción importante é o boca a boca de
cada un dos xogadores, pois é o que máis está funcionando hoxe en
día. Digo isto polos exemplos que estou vendo no campo de billarda.
-Cales
son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
   As
miñas virtudes son o espírito deportivo, a constancia para nunca
darme por vencido, as gañas de aprender e mellorar e a confianza de
creer que si podo.
-Que
aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
   Eu
creo que a parte psicolóxica estouna adestrando, sobre todo, a parte
da motivación.
-Ordena
estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA,
AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
   Eu
son de herba, ja, ja, ja… sempre. Despois terra, área, asfalto,
cemento e… non podo ver os pavillóns!

-A
día de hoxe ninguén da Conferencia quere que o sorteo inicial te
leve ao seu grupo.
Témente máis pola forza dos teus golpes
ou do teu incansable músculo dialéctico?
   Sen
dúbida, polo músculo dialéctico, porque me traballo ao persoal
antes do golpeo, pois, como dicía unha frase china, “a maior
parte das batallas son ganadas antes de ser loitadas
. Iso
si, cando vai golpear non molesto.

As túas dúas primeiras temporadas na LNB foron mediocres en canto a
resultados. Pero, semella que todo cambiou un 2 de abril de 2017 en
Cambre, 9ª xornada. Era a primeira vez que chegabas a unha final
e…cóntanos como viviches aquel acontecemento que cambiaría o teu
futuro na LNB.
   Aquel
día lémbrome que viñera xente das Rías Baixas. Subín por
primeira vez ao podio (2º posto). Foi parecido ao deste pasado
domingo na Sardiñeira, veu xente das Rías Baixas e subín por
primeira vez esta temporada ao podio (3º posto). Nas dúas ocasións
motiveime coa apócema de Edu, “café con jotas e lume”.
Son un xogador de motivacions!
-Quen
cres que son os xogadores con posibilidades de ser Campións de
Conferencia?
   Eu
Teño medo de Miguel, Abel, Marc, Carmela e Mariña, despois, en
segundo plano… hai moita competencia, tería que nomear a toda a
conferencia.
-Que
farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
   O
que se esta facendo, levando de boca en boca… cada xogador que
espalle a billarda en todos os ámbitos que poida, redes, radio,
prensa e televisión… se non loitas, perdes.
-Cales
son as fortalezas e debilidades de teu equipo Campo da Feira?
   “O
talento gaña partidos, pero o traballo en equipo e a intelixencia
gañan campionatos
”, dicía Jordan. En Campo da Feira
temos un nivel de xogo moi alto en case todos os xogadores. Se falla
un, está outro. Un exemplo foi o do ano pasado nas finais de
Compostela, eu tiven un día malísimo e case facemos podio.
-Cales
son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como
colectivos?
   O
meu obxectivo este ano é seguir xogando á billarda por motivacions,
pásalo ben e coñecer a moi boa xente neste mundo da billarda,
despois, o demais xa virá… non me preocupa! Colectivos… os
xogadores de Campo da Feira son comprometidos co que fan… hay algún
anarquista, pero xa o deixan facer pola súa conta.
-Como
están de avanzadas esas negociacións con Radio Marca para que a LNB
dea o salto ás ondas hertzianas estatais?
   “Imposible
is nothing
”, dicía un slogan famoso. Pois, como di Egasa,
o nome da billarda xa soa na Radio Galega. Marca, Ser, Cope…
estase a falar con elas, pasiño a pasiño, pero con camiño
percorrido.
         Se por algo se caracteriza Edu é por innovar a cada instante. Como el mesmo recoñece o seu estilo de xogo é herdeiro da cruz, con influencias das Rías Baixas e pingas de licor café. Daquela, creou á posición araña, que denomina a unha peculiar maneira de colocarse para dar o golpe de elevación da billarda. No golpeo de desprazamento mostra o refinamento sureño, a eficacia Bergantiñá e o poderío herculino.

       Ademais, de todas esas virtudes mencionadas, o de Campo da Feira mostra unha aséptica e cirúrxica ironía na analise da realidade social. Entón, despois de recibir varios avisos fonéticos do director deportivo do equipo de billarda de Paiosaco, decidiu optimizar os recursos naturais limitados do planeta e contribuír con isto a reducir o efecto invernadoiro. Polo tanto, púxose en mans do médico do equipo, para solucionar unha lesión abdominal que lle estaba impedindo golpear a billarda con todas as súas forzas. Temos as imaxes da metamorfose. O novo EGASA mostrará a súa imaxe mellorada no Aberto de Fin de Ano do 31 de decembro, en Paisaco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *