Sábado, Abril 20, 2024
Sin categoría

CRÓNICAS Noroeste e Norleste

NOROESTE
      Os resultados da 9 xornada de Castelo deixaron dous feitos que xa pasan á historia estatística da LNB. Charly Varela gana a súa primeira xornada LNB. MAC gana a xornada na categoría de equipos e interrumpe a xeira de vitorias consecutivas de Campo da Feira. A marca a bater queda en 27 xornadas ganando de xeito consecutivo. Vai ser difícil superar esta marca, pois a anterior tíñaa o equipo número 1 da historia da LNB, Billardeiros Musicais, quen nos seus mellores momentos só alcanzou a ganar 13 xornadas de seguido.

   


        Non sabemos se a vitoria de MAC se difundiu o suficiente. Por se acaso, queremos destacar que a UTE (Unión Temporal de Equipos) entre Malpica e Cochiqueiros empeza a dar os seus froitos. Esta fórmula de asociación é pioneira na LNB. Xa se dera algún caso de OPA hostil, na que algún equipo desapareceu e outro engordou cos seus xogadores e xogadoras. O último caso é o de Remourelle que lanzou unha OPA a Ekipa Bítere e logrou fortalecer a súa franquicia a costa da desaparición deste último equipo. Mais, a primeira experiencia de UTE é a destes dous equipos da Conferencia Noroeste. 
    Esta gran vitoria fundamentouse na actuación de Lito, o xogador franquicia, e na actuación de Berdillo, quen despois de ser rescatado das mans dun intermediario que lle ofrecera un contrato millonario na PANDOLO SLOVENIJE LIGUE, xa se centrou no obxectivo desta temporada, conseguir unha praza de finalista para o seu novo equipo. En conclusión, a praza do primeiro posto non está en perigo, pero si a de APB, quen agora sente o son dos berdillazos zoando sobre as cabezas dos seus xogadores e xogadora.
     Na Individual Absoluta, Juan Carlos mantén o pulso e non se distancia de Collazo. Lito e Kevin acércanse ao podio. Xulio e Roi están en zona tranquila, polo momento. Lois Fontán e Cotelo tiveron grandes actuacións e están en praza de finalista. En Infantil, Miguel aproveitou a ausencia de Abel (mal horario o das misas do domingo pola mañá, haberá que falar co señor crego) para alzarse ao primeiro posto. 
NORLESTE
         A superficie do pavillón de San Miguel foi moi xenerosa e agasallou con ptos a moreas a case todos e todas. Deste xeito, 19 xogador@s conseguiron 20 ou máis ptos, e só 7 xogador@s non chegaron aos 10 ptos. A evidencia di que a xente do Norleste portouse moi ben este ano, que está a piques de rematar. Salientar que a campioa desta xornada saiu dun desempate a 4. Geni, a máis laureada das xogadoras da LNB, gana por vez primeira unha xornada na Conferencia Norleste. Como lle sucede aos bos viños, Geni gana… co paso do tempo. Incombustible, infatigable, e superando as lesións con intensas sesións termais, Geni segue sendo a palanadora máis grande de todos os tempos.
          
        Billardeiros Musicais ganou por equipo, empatado a puntos con Carabullo. A vitoria de Geni na xornada doulles o triunfo por equipos. Carabullo está aplicando a táctica do camaleón, imitar o que fai Billardeiros. O equipo da Ponte ten unha vantaxe de 11 ptos e na concentración previa á visita a terras ribadenses, acordaron que esta diferenza é suficiente. Teñen moito respecto ao equipo número 1 da LNB, e tampouco é cuestión de humillalo, afirma Ismael. Deste xeito, de aquí a final de liga aplicarán a táctica camaleónica que consiste en situar a un ou unha Carabullo ao lado dun ou dunha Billardeiro e imitar os golpes deles e delas. Nesta xornada funcionoulles. 
       Grupo 1, Miguel e Markytos, con Albino, Migho e Charly. Grupo 5 Geni, con Dani Morán, Grupo 6 Manu Pozo, Daniel e Luís Saavedra con Santi e Ismael. Deixaron  sen marcaxe a Franco no Grupo 3 e a Suso Coedo no 4, pois non os consideraron perigosos nesta superficie, e acumularon as forzas anarquistas no Grupo 2 con Alvariño, Chousa e Manu Caldeiro, e sen ningún Billardeiro.
      Troitas Bravas defendeu a súa praza de podio a pesar da ausencia por decisión técnica do seu particular Dembelè. Un acto de indisciplina deixo a Brandon fóra da convocatoria. O palanador que debutara en Lugo e desaparecera despois de xogar a última carreira, foi encontrado en Pontevedra a altas horas da madrugada con evidentes dificultades para xustificar o seu estado. Ao delegado do equipo, Sachas, chegoulle unha filtración de tal vídeo e dicidiu aplicar o regulamento interno. Regueiro sácalle ferro ao asunto e afirma: “Xa temos experiencia con estes casos, pois Noé, na súa xuventude tamén cometeu actos deste tipo e finalmente foi reconducido a base de lavativas“.
      Chaínzos-Cadaval empatou a 81 ptos con Troitas e non renuncia ao podio. Remourelle en zona media, Billarda Verde segue loitanto e Polka busca xogador@s.

     

      Sumados os puntos da xornada de onte en San Miguel, a Categoría Individual Absoluta continúa encabezada por Albino. Agora Chousa sitúase segundo a 6 ptos do seu compañeiro de equipo. Sachas cerra o podio, un pto por detrás do Coroceiro 2016. Despois aparece o trío de Billardeiros, Daniel, Manu Pozo e Coedo. Regueiro, Ismael Noé e Muriego completan o G-10. Afirmamos con rotundidade, chegado o ecuador da competición, que ninguén que estea fóra destes postos ten opcións reais de ser campión 2018-2019. Outra cousa é a disputa das prazas de finalista. A día de hoxe Paula marca o límite destas prazas. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *