TODOLNB fala con… ROI REY CASTRO
Nome e apelidos: Roi Rey Castro
Lugar e data de nacemento: A Coruña. 1995-03-12
Lugar de residencia: Santiago de Compostela
Ano de debut: 2014
Equipo actual: APB SANTA MARTA
-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
Foi a través de meu pai (Julio Vilas). Cando el levaba xogando un ano ensinoume as bases e o concepto da billarda. Despois, xoguei algunha vez en 2014 (8 xornadas), pero, non foi ata 2016 cando comecei a xogar máis a miúdo na Conferencia Noroeste.
-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
Integrala como introducción na materia de Educación Física. Penso que é un xogo perfecto para que gocen e se divirtan as nenas e nenos. O ideal sería establecela como actividade extraeescolar máis regulada, pero iso, conleva unha infraestrutura profesional que non temos dispoñible por agora.
-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Penso que non teño ningunha virtude en particular. O que intento é tomarme en serio cada golpe e, á vez, ter presente de que o fundamental é pasalo ben. Tamén, considero importante animar e ser positivo de cara aos
demáis palanadores e palanadoras..
-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Ás veces doulle demasiadas voltas a como vou golpear a billarda. Non obstante, decateime que cando mellor xogo é cando me concentro e só penso en metela no varal
-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia: TERRA, HERBA, AREA,ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN
Terra, area e herba gústanme por igual, se non está moi mollado. Pavillón e cemento paréceme que cambian o xogo demasiado, sobre todo, no pavillón, pois a presenza dun teito provócame dúbidas á hora de golpear.
Do asfalto non son partidario, xa que, despedaza as billardas demasiado.
-Cales son as claves da enorme evolución que experimentou o teu xogo?
A práctica é a clave. Ademais, hai momentos nos que noto que teño máis confianza e véñome arriba. Neses momentos é cando mellor o fago. Últimamente debería adestrar e practicar algo máis para seguir avanzando. Tamén, debería deixar de trocar o tipo de billarda tan a miúdo.
-Que opinas das túas posibilidades para ser Campión de Conferencia?
Actualmente ningunha, non teño a habilidade suficiente nin os puntos por xornada, pero, espero poder aspirar nos proximos anos.
-A que xogadores vés con condicións para ser Campións de Conferencia?
Collazo é a primeira opción, mais, Juan Carlos e Eduardo poden darlle problemas se se relaxa demasiado. Xulio e Lito tamén poden dar a sorpresa se xogan a bo nivel.
-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
Intentar que os concellos publiciten as xornadas LNB e lle dean máis importancia e soporte para facer novos formatos e incluír torneos en máis festas e centros educativos.
-Vés posible que esta temporada remate o dominio de Campo da Feira?
Véxoo imposible, realmente. Son moitos xogadores e de moita calidade, pero, intentaremos rematar coa súa marca de xornadas gañadas.
-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo APB Santa Marta?
Fortalezas, que somos todos moi cercanos e confiamos uns nos outros. Sempre intentamos ter un ambiente de risas e apoio, o cal fai que competir sexa moi agradable. Debilidades, que somos poucos. Individualmente podemos
todos mellorar, como equipo penso que non.
-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
Individualmente intento clasificarme para as finais, pero, o que máis desexo é que APB se clasifique por equipos. E, sobre todo, pasalo ben e continuar moitos anos.
O seu palmarés está por escribir. Só leva 37 xornadas LNB disputadas, pero, son moitos máis os TAB nos que Roi participa e isto estase notando no seu nivel de xogo. Veremos ata onde pode chegar o herdeiro ao trono do Rey Vilas II da Laracha.