TODOLNB fala con… Emilio Acevedo Iglesias “MILIO”
Milio naceu para a billarda no 2007, da man do equipo Remourelle Bulls e con el alcanzou o cume do Titulo de Conferencia Norleste na temporada 2008-2009. Este habitante de Remourelle (Rivus Maurilius), lugar da parroquia de Arante no concello de Ribadeo, vive e bebe os valores do seu equipo en cada xornada de liga e en todo terreo de xogo.
Milio entrega moitas calorías en cada golpe o que lle supón perder entre 2 e 15 quilos de peso en cada Aberto. Esta peculiaridade do seu metabolismo fixo del un xogador que nunca estaba entre os primeiros clasificados da súa Conferencia. Esta característica debilitábao tanto que chegaba ás últimas carreiras con poucas enerxías. Pero, no 2016 todo cambiou para o bravo palanador remourellense. O druída asturiano, Muriego, preparou un líquido reconstituínte específico para Milio, o Red Muri. Santo remedio! Esa mesma temporada 2016-2017 ganou o seu primeiro Aberto no Alto da Cadeira (Trabada). A composición da beberaxe é un secreto que só o lume da cociña da Taberna de Lola coñece. Desde entón, Milio leva o líquido máxico no envase dunha cervexa para que ninguén sospeite. Non imos ser nós quen poñamos en dúbida a legalidade da substancia líquida.
Esta temporada, Milio vai aumentar a dose de Red Muri para buscar a clasificación individual para as finais LNB. Nas últimas dúas xornadas fixo 22 e 23 ptos, respectivamente. Se mantén eses números nas vindeiras xornadas de seguro estará en Compostela en maio de 2019. Ao mesmo tempo, Remourelle Bulls estase vendo beneficiado polo seu alto rendemento e mantense cerca dos postos de podio da Categoría.