Xoves, Outubro 3, 2024
Conferencia NorlesteProtagonistas

TODOLNB fala con… PAULA CAMPO SAAVEDRA

       Paula de Chaínzos-Cadaval é unha das talentosas palanadoras da Terra Chá. Certamente, apréciase no seu golpeo a pegada característica das chaínzas de Castro de Rei. Paula iniciou a súa carreira deportiva no Centro de Rendemento Deportivo de Ponte de Outeiro. Forma parte do grupo de adestramento que dirixe Cortón e no que tamén están Lorena e Ana. Este grupo ten un método de adestramento único na LNB. Este método provén da Escola Hungara de Esgrima e foi introducido por Kiko, despois dunha das súas numerosas viaxes polo centro de Europa. O dominio absoluto na Categoría Feminina de xogadoras da Mariña pode verse interrompido por esta fantástica e noble esgrimista da billarda. Desde que naceu a LNB na Mariña Oriental, as ganadoras na Categoría feminina foron xogadoras orixinarias desta comarca luguesa. Tod@s lembramos a Ana dos Petapouco, a Ana da Ekipa-Safari, a Lola (Os Outros), a Reyes e a Geni, campioas históricas da Conferencia. Esta última, Geni, continúa co seu dominio desde a temporada 2013 de xeito ininterrompido. Estará Paula destinada a levar por vez primeira o Título cara ao sur?  Verémolo !

 

 

        Paula é unha persoa que non coñeceu este xogo na súa infancia. Foi a través do impacto da billarda na Terra Chá como ela descubriu esta maneira de diversión. A divulgación que a xente da comarca está facendo deste deporte tradicional agromou en Paula, como o fixo e o fará en máis persoas. Magnífico traballo compañeir@s!

 

       Os golpes de Paula son dunha estética magnífica. Ten un armado de brazo fabuloso que consegue imprimir moita forza sobre a billarda. Ademais, esta temporada está usando unhas billardas que foron feitas en exclusiva para ela. Así, o taller artesanal de elaboración da madeira do equipo Chaínzos-Cadaval, situado en Vián, adaptou o material ás características biomecánicas de Paula, despois dun laborioso estudo do seu metabolismo e das súas particularidades físico-químicas na síntese de proteínas. En definitiva, un material 4.0 que busca a eficacia 100% no golpeo, algo que seica algunhas persoas din que existe. Habela haina!  Afírmase na LNB, sobre a eficacia 100%, aínda que ninguén a conseguíu, polo momento…

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *