Venres, Marzo 29, 2024
Conferencia NorlesteProtagonistas

TODOLNB fala con … CARLOS CRECENTE PICO “CHARLY”

      A historia de Charly na LNB está marcada por dous feitos fundamentais. Estes dous acontecementos son dúas sólidas ferramentas que usa, esta aventura chamada LNB, para espallar a práctica da billarda. Charly (Carlos Crecente Pico) soubo deste xogo tradicional nunha escola da Terra Cha, grazas a un docente entusiasta e comprometido coa cultura galega. A segunda circunstancia esencial para que Charly estea xogando á billarda actualmente foi a transmisión de boca a orella. Ismael García foi quen actuou de mensaxeiro. En definitiva, a biografía deportiva de Charly é unha imaxe representativa do xeito de actuar da LNB. Docentes e xogador@s LNB son o potente motor e a firme cadea de transmisión que aseguran o futuro da billarda.
       A Terra Chá é unha comarca referencial na recuperación da práctica da billarda. Desde A Pastoriza a Guitiriz, de Abadín a Castro de Rei esténdese unha enorme reserva natural dese son marabilloso que se produce cando o palán acaricia a billarda. Esta zona da provincia de Lugo, con epicentros en Muimenta e Ponte de Outeiro, acubilla unha tribo de indomables palanador@s. Charly forma parte desta reserva desde o 2011.
————————————————————————————————————————–

 

 

Nome e apelidos: CARLOS CRECENTE PICO “CHARLY”
Lugar e data de nacemento: Ponte de Outeiro-CASTRO DE REY. 1980-07-13
Lugar de residencia: Moncelos-ABADÍN
Ano de debut: 2011
Equipo actual: CARABULLO
-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
Pois…, eu aprendín a xogar á billarda no colexio. Foi na clase de Educación Física. Un profesor substituto que tivemos levou uns paláns e unhas billardas á clase e ensinounos a xogar. Tería eu 11 ou 12 anos. Lémbrome ben daquel día, xa que, rompín un cristal do colexio dun billardazo. Souben da LNB por Ismael García. Comentoume que era a LNB e convenceume para ir xogar o Aberto do Ferro á Pontenova, e alá fun. A partir dese día xa puxen a meu pai a facer billardas, jaja…
-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
Que o profesorado mesmo se involucrase, como me pasou a min de neno con aquel mestre. Tamén, facer sesións de billarda, como actividade fóra de horario escolar, é moi importante. Sei que xa se fan, pois, eu asistín a unha e paseino moi ben c@s nen@s.
-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda e que fan de ti un dos máis grandes da LNB (TRICAMPIÓN de Conferencia Norleste)?

A miña virtude mais grande é que sempre penso que todo se pode
conseguir. Así, márcome uns obxectivos cada ano e intento
conseguilos.
-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Melloraría o aspecto psicolóxico, máis que nada, porque unha miga que aparezan
algo de nervios, xa te condiciona totalmente. A min, iso traizooume
máis dunha vez.
-Ordena
estas superficies de xogo segundo a túa preferencia: TERRA, HERBA,
AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN

Herba e area. O resto dáme igual.
-Cales
foron as claves da túa vitoria na xornada de Trabada?
Non
houbo moita clave. Estiben de contos e de risas cuns e con outras, e
cando me din conta estaba xogando a final. Cando un o esta pasando
ben é cando mellor xoga, ou iso me pasou a min.
-Que
opinas das túas posibilidades para recuncar como Campión de
Conferencia, considerando que faltaches a unha xornada?
Este
ano, ser campión de conferencia, xa nin mo propoño. Tal como está
o
nivel
da xente é imposible. Está todo o mundo moi en forma.
-A
que outros xogadores vés con condicións para ser campións de
Conferencia?
Por
agora, dentro dos dez primeiros vexo campión a calquera. Chousa e
Albino comezaron moi fortes, se seguen así teñen moitas
posibilidades, pero hai que ter coidado con Daniel e Manu Pozo, que
comezaron un pouco frouxos, mais fixo que han de ir a máis.
-Que
propoñerías para que a Final LNB de Varados sexa máis dinámica,
atraente e dure menos tempo?


Paréceme boa a proposta que fixo Daniel, que era comezar de mais
preto, 30 metros, e ir eliminando a quen non faga varado, e
aumentando a distancia ata 40 e 50, se fixese falta.
-Vés
posible que esta temporada remate o dominio de Corredoiras,
Billardeiros Musicais e Campo da Feira nas súas correspondentes
Conferencias?
Dos
equipos das outras conferencias non estou moi posto, pero da nosa
penso que este ano pode ser que Billardeiros non ganen. De todos os
xeitos, están todos os equipos moi fortes.
-Cales
son as fortalezas e debilidades de teu equipo Carabullo?

Somos un equipo moi unido e iso benefícianos moito. O problema que
temos , ou tiñamos, é que moitas veces íamos con poucos efectivos,
catro ou cinco xogadores.
-Cales
son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como
colectivos?

 Esta temporada vou intentar pasalo ben e chégame, pero de paso
gustaríame ganar un par de abertos dos míticos dos que me faltan, e
axudar a Carabullo a quedar primeiro.

————————————————————————————————————————–

       O talento deportivo de Charly está demostrado. En canto a títulos, é un dos máis grandes da Conferencia Mai. Así, é o que máis títulos desta Conferencia posúe (3), xunto co Tricampión LNB Markytos, ademais dun título na Categoría de Varados. No 2017 estivo no podio das Finais LNB Individual Absoluta. Foi terceiro. Leva 10 vitorias en xornadas de LNB. En definitiva, un dos grandes palanadores do universo LNB.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *