CLASIFICACIÓN HISTÓRICA EQUIPOS
Aparecen por vez primeira a Clasificación Histórica LNB na Categoría de Equipos. Os criterios que se usaron para establecer a orde de clasificación foron os de valorar primeiro os Títulos Nacionales, despois os Títulos de Conferencia e, finalmente, as xornadas de liga ganadas. Os datos proveñen das clasificacións históricas que están recollidas no arquivo de todolnb, que á súa vez foron recollidas dos blogs seguintes: O Varal, conferencia Norleste, conferencia Noroeste, conferencia Sur, conferencia Centro e conferencia Bezouqueira e conferencia Rías Baixas, así como das Actas Oficiais LNB de cada Conferencia.
Hai que aclarar que da temporada 2009-2010, da Conferencia Noroeste, non se conservaron as actas e que das temporadas 2006-2007 e 2007-2008, da Conferencia Norleste, non se conservaron os datos da puntuación dos equipos por xornada. Todo o demais foi recollido para elaborar esta clasificación. Tamén se elaborou unha Clasificación de Xornadas LNB, pois consideramos relevante ver como os equipos van evolucionando xornada a xornada.
Tanto nunha clasificación como noutra o indiscutible número 1 é BILLARDEIROS MUSICAIS de Ribadeo. Este equipo creado no 2007 marcou unha época de dominio absoluto na Conferencia Norleste e nas Finais LNB, pois, ademais de conseguir 3 Títulos LNB, foi 4 anos subcampión LNB. Ou sexa, en 11 temporadas nas que se disputou a FINAL LNB, o equipo da Mariña ocupou unha das dúas primeiras prazas en 7 delas. Vai ser difícil igualar ao BM 2007.
En breve, iniciaremos unha sección nova para coñecer mellor a cada un dos equipos LNB, dos históricos, xa desaparecidos, e dos actuais. Os número son incontestables, e indican que o equipo de Ribadeo ten todas as marcas no seu poder: número de Títulos Nacionais, número de Títulos de Conferencia consecutivos e totais, número de xornadas ganadas… Non obstante, un equipo ameaza varias desas marcas como son a dos Títulos Nacionais e de Conferencia. CORREDOIRAS de Bueu pode alcanzar esas marcas esta temporada, sempre e cando llo permitan @s Músicos da Billarda.
Non obstante, a marca estratosférica de 23 xornadas consecutivas ganadas non a posúe ningún destes dous grandes equipos. O 12 de febreiro de 2017 foi a última derrota de CAMPO DA FEIRA en liga regular na Conferencia Noroeste. Foi FURABOLOS do Pino quen ganou a xornada por diante do equipo de Paiosaco. Desde aquela 8ª xornada da temporada 2016-2017 ninguén foi quen de derrotalos. Onde deixarán esta marca? Estas e outras curiosidades irémolas revelando durante esta temporada.